Nova
Martina Aneiros destaca a aposta da Xunta pola prevención contra o machismo durante a visita a un CIM móbil en Fene
A delegada territorial de Ferrol, coñeceu de man de dúas traballadoras a labor deste servizo posto en marcha polo Goberno galego
Este servizo itinerante presta información, asesoramento, atención, orientación e acompañamento psicolóxico, social e xurídico, de forma ambulatoria, en materia de violencia contra a muller
Tras pasar por Cabanas e A Capela, o CIM chegará a Cerdido, Mañón e Moeche nas próximas semanas
Fene (A Coruña), 12 de marzo de 2026
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller (CIM) Móbil ubicado hoxe en Fene. Durante o mes de marzo, os CIMs Móbiles da Xunta de Galicia percorrerán un total de 6 concellos do ámbito da delegación. Tras pasar por Cabanas e A Capela, o CIM chegará a Cerdido o día 18, a Mañón o 27 e a Moeche o 31.
Os servizo CIMs Móbiles é un recurso especializado da Xunta para prestar información, asesoramento, atención, orientación e acompañamento psicolóxico, social e xurídico, de forma ambulatoria, en materia de violencia contra a muller, naqueles concellos que actualmente carecen dun Centro de Atención á Muller. Da mesma forma, este servizo tamén está presente nos sete campus das tres universidades públicas galegas.
Durante a visita, a delegada coñeceu da man da psicóloga e da traballadora social do CIM os traballos que se realizan no servizo. Nestes espazos, atenden a mulleres que o demanden de xeito individual ou colectivo, así como a calquera persoa que busque información, atención ou prevención no eido da violencia de xénero. Entre este público xeral establécense uns grupos prioritarios: as mulleres vítimas de violencia de xénero, os seus fillos e fillas ou maiores dependentes delas, coa intención de reducir o impacto negativo que a situación de violencia produce neles; as mulleres pertencentes a colectivos en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión social; e as persoas pertencentes ao colectivo LGTBI así como ás súas familias e persoas achegadas.
Aneiros recoñeceu o traballo dos especialistas que forman o equipo dos CIMs Móbiles e sinalou a importancia “da información, o acompañamento e a prevención para frear a violencia contra as mulleres”. Aproveitou tamén para sinalar a firme aposta do Goberno galego pola prevención e a sensibilización contra o machismo para avanzar en sociedade
Estes espazos itinerantes ofrecen asesoramento xurídico, atención psicolóxica e orientación social ás mulleres vítimas de calquera forma de violencia de xénero, e, de ser o caso, tamén aos seus fillos e fillas ou a calquera persoa, menor de idade ou maior, dependente da vítima. Ademáis, brindan información sobre os recursos dispoñibles na contorna local, a nivel comarcal, provincial ou autonómico e organizan actuacións de dinamización para a sensibilización e prevención da violencia de xénero, entre outros servizos.