Nova
A Xunta apoia con 145.000 euros o traballo de formación e preparación para a vida autónoma que realiza Aliad-Ultreia
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visita a entidade, onde destaca a importancia de mellorar a empregabilidade da persoas reclusas e exreclusas para a súa plena reinserción
Lugo, 12 de marzo do 2026
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe a traxectoria de máis de catro décadas da entidade Aliad-Ultreia, que centra a súa actividade en mellorar as condicións de vida de persoas en situación ou risco de vulnerabilidade, como é o caso daquelas con problemas de adiccións, de poboación reclusa e exreclusa ou de mulleres vítimas da violencia de xénero e dos seus fillos. Fíxoo durante unha vista á entidade, na que tivo a ocasión de coñecer os programas que se están a desenvolver nestes momentos e de falar con algunhas das persoas que participan nos mesmos.
Ao respecto, o director xeral sinalou que a Xunta de Galicia leva anos colaborando con Aliad-Ultreia, da que destacou o importante labor que realiza nos ámbitos da formación e da sensibilización. Así, a Dirección Xeral de Inclusión Social concedeu a esta asociación 145.000 euros con cargo á última convocatoria de axudas para entidades de iniciativa social 2025-2027 e á liña de subvencións do 0,7% do IRPF do 2025.
Ademais de financiar o funcionamento dos centros de acollida e de transición á vida autónoma que ten Aliad-Ultreia, estas achegas destínanse aos programas Paso a Paso e Preparados, Listos, Xa! Estas dúas iniciativas están dirixidas a persoas reclusas dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso. Os participantes nas mesmas acceden a itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral e reciben axuda para preparar a súa reincorporación á sociedade cando recuperen a liberdade.