Nova

A Xunta avanza que abrirá un centro especializado en Burela para acoller menores estranxeiros non acompañados

O novo recurso vai contar cunha ducia de prazas xestionadas por unha entidade social referente na atención á infancia e a adolescencia

Deste xeito, o Goberno galego responde ao previsible traslado de máis menores migrantes que o Executivo central envía a Galicia


Burela (Lugo), 11 de marzo do 2026

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, anunciou este mediodía en Burela que a Xunta abrirá neste concello lucense o novo centro especializado para a acollida de menores migrantes non acompañados. Así o avanzou durante unha visita ás novas instalacións da entidade Rogacionistas, que se encargará da xestión deste novo recurso de protección.

O director xeral explicou que a creación deste novo centro responde ao envío constante de novos menores migrantes non acompañados a Galicia por parte do Goberno de España. En concreto, adiantou que este recurso contará cunha ducia de prazas e estará xestionado por unha entidade especializada e con ampla experiencia neste eido como é Rogacionistas de Burela, e que desde o primeiro momento se ofreceu á Xunta para xestionar este proxecto.

Deste xeito, Jacobo Rey salientou que a Xunta dá resposta ao previsible envío de máis menores estranxeiros nas vindeiras datas, ao tempo que recordou que o Goberno de España impuxo a Galicia a acollida de 300 adolescentes. Neste sentido, sinalou que se trata dun reparto “arbitrario que prexudica o noso territorio e beneficia a comunidades como Cataluña e País Vasco que non teñen que asumir ningún menor migrante”.

Así mesmo, o director xeral lembrou que o Goberno central realizou o reparto “sen consenso nin diálogo coas comunidades autónomas” e volveu reclamar financiamento para sufragar o acollemento destes menores.