Nova

A Xunta e o Concello de Ribeira acordan o emprazamento da nova residencia pública de maiores

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou a parcela escollida, situada no lugar de Cruxeiras, con vistas ao mar e próxima ao núcleo urbano


Ribeira (A Coruña), 11 de marzo do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou recentemente a parcela onde se levantará a futura residencia de maiores pública de Ribeira. Na visita tamén participou a alcaldesa do concello, María Sampedro, así como un técnico municipal, para comprobar a idoneidade dos terreos e que cumpren con todos os requisitos para levar a cabo a actuación comprometida polo Goberno autonómico.

A parcela está situada no lugar de Cruxeiras e é de titularidade municipal. Unha vez que xa está decidido o emprazamento do novo centro residencial, formalizarase o convenio de cesión dos terreos por parte do concello á Administración autonómica.

A Xunta empezará hoxe mesmo a redactar as bases técnicas para licitar canto antes a redacción do proxecto. Deste xeito, o Goberno galego cumpre co compromiso asumido co Barbanza de dotar a este concello dunha residencia de maiores pública.

A parcela escollida conta con zonas verdes e está próxima ao parque de San Roque, un dos pulmóns verdes de Ribeira. Ademais, está ben comunicada, próxima ao núcleo urbano e ten vistas ao mar.