Nova
Manuel Pardo destaca a función dos CIM móbiles da Xunta a prol da sensibilización en materia de xénero e igualdade nas zonas rurais e nos campus universitarios
O delegado territorial explicou que a función dos catro centros de información á muller (CIM) móbiles que a Consellería de Política Social e Igualdade puxo en marcha cun investimento de 1,6 millóns de euros, é concienciar á poboación para combater as desigualdades e as violencias contra as mulleres
Manuel Pardo sinalou que estes servizos itinerantes están compostos por persoal profesional e especializado e en todos eles hai unha psicóloga e unha traballadora social, co obxectivo de achegar toda a información posible á poboación para que calquera persoa sexa un axente activo na prevención e detección da violencia de xénero
Ourense, 11 de marzo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Nogueira de Ramuín para, acompañado do seu alcalde, Julio Carlos Temes, comprobar o funcionamento dun dos catro centros de información á muller (CIM) móbiles, cos que a Consellería de Política Social e Igualdade, cun investimento de 1,6 millóns de euros, busca reforzar a sensibilización en materia de xénero e igualdade nas zonas rurais e nos campus universitarios de toda Galicia.
O delegado territorial lembrou que os CIM móbiles comezaron a funcionar o pasado 9 de febreiro percorrendo a xeografía ourensá, chegando a puntos nos que non hai recursos destas características, e así poñer o foco á hora de sensibilizar e concienciar á poboación para combater as desigualdades e as violencias contra as mulleres. Nesta liña, detallou que na provincia, o pasado mes, desprazáronse aos concellos de Melón, Rubiá, Castrelo de Miño e Xunqueira de Ambía; mentres que neste mes de marzo, ademais de Nogueira de Ramuín, achegaranse aos municipios dos Blancos, Baltar, Baños de Molgas, A Bola, Larouco, Os Blancos, Nogueira de Ramuín, Chandrexa de Queixa, Taboadela, Paderne de Allariz, Boborás, Trasmiras, Parada de Sil, Castro Caldelas, Castrelo de Miño e A Teixeira.
Aproveitando a súa visita, Manuel Pardo sinalou que estes servizos itinerantes están compostos por persoal profesional e especializado e en todos eles hai unha psicóloga e unha traballadora social, co obxectivo de achegar toda a información posible á poboación para que calquera persoa sexa un axente activo na prevención e detección da violencia de xénero. Neste senso, destacou que estes recursos están abertos a toda a cidadanía que queira seguir aprendendo máis sobre a igualdade ou comprender aspectos relacionados co machismo ou os roles de xénero.
O representante do Goberno galego agradeceu o labor que desempeñan as profesionais destes centros e trasladou o compromiso da Xunta para seguir traballando pola prevención e a sensibilización contra o machismo e a violencia de xénero, a través da información e así avanzar nunha sociedade máis igualitaria coa implicación de toda a cidadanía. Neste marco, puxo en valor a importancia destes recursos que chegarán aos puntos nos que, nestes momentos, é máis complicado e, á vez, máis necesario achegar este tipo de servizos.