Nova
A Xunta supervisa os avances nas obras de ampliación da residencia de maiores de Chandrexa de Queixa
O Goberno galego destina máis de 360.000 euros a financiar o 100% dos traballos, que consisten na creación de novos espazos comúns e de salas diferenciadas segundo actividades para mellorar o benestar e a comodidade dos usuarios
Esta intervención forma parte do Plan de investimentos para a construción, mellora e ampliación de centros de atención para persoas maiores que dependen dos concellos: residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais
Chandrexa de Queixa (Ourense), 10 de marzo do 2026
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comprobou hoxe o avance nos traballos de ampliación da residencia de maiores de Chandrexa de Queixa, de titularidade municipal. Perfecto Rodríguez visitou as obras acompañado do alcalde do concello, Francisco Rodríguez.
A Xunta financia con 362.000 euros o 100% desta actuación, coa que se dotará ao centro de novos espazos comúns e de zonas diferenciadas segundo os usos que teñan: haberá unha sala para ver a televisión, outra para usos de lecer e de descanso dos residentes, etc. O obxectivo da intervención, que está a executar o concello, é mellorar as estancias e a comodidade dos preto de 80 usuarios da residencia.
Perfecto Rodríguez explicou que a ampliación deste centro residencial forma parte da vintena de proxectos que está a financiar a Xunta ao abeiro do Plan de investimentos en equipamentos sociais que dependen dos concellos: residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais. Este plan foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ten como finalidade reforzar a rede local de centros de atención ás persoas maiores.
O Goberno galego destina a este plan un total de 18,5 millóns de euros de fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU). Deste orzamento, 12 millóns de euros, que supoñen o 65% do total do plan, invístense en proxectos de concellos da provincia de Ourense. No conxunto de Galicia, a través desta iniciativa, crearanse 650 novas prazas públicas de atención residencial e de centros de día.