Nova

Fabiola García avanza que os concellos poderán adherirse ao incremento do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar desde finais de marzo

As administracións locais terán un mes desde a publicación da nova orde no Diario Oficial de Galicia para poder solicitar formalmente este incremento, que terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro

A conselleira lembra que a Xunta achegará ata 2028 150M€ extra aos concellos para sufragar o SAF, elevando progresivamente o prezo por hora dos 12€ actuais aos 18€

Destaca que a Xunta inxectará máis de 400.000 euros extra ata 2028 para o financiamento do servizo de axuda no fogar no Concello do Pino


O Pino (A Coruña), 10 de marzo do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia está ultimando os trámites necesarios “para facer efectivo o antes posible” o aumento da achega do Goberno galego ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Para isto, explicou que o Goberno galego está procedendo á actualización do módulo de financiamento do SAF.

Neste sentido, a conselleira destacou que o Goberno galego calcula que a nova orde será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) na semana do 23 de marzo e que, seguidamente, os concellos contarán co prazo dun mes para poder solicitar formalmente este incremento, que terá efectos retroactivos con data 1 de xaneiro de 2026.

Fabiola explicou que “o procedemento será sinxelo” e que os concellos só terán que presentar a solicitude formal de adhesión, así como declarar que prestan o SAF cos servizos básicos regulados pola orde de 2009 e solicitalo dentro do prazo dun mes tras a entrada en vigor do texto.

Con esta actualización, que terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2026, o Goberno galego cumpre co obxectivo de aumentar progresivamente a achega da Xunta ao financiamento do SAF para persoas dependentes e, ademais, incentivase aos concellos para que presten este servizo con criterios comúns de calidade e homoxeneidade. Por último, a conselleira lembrou que grazas a este acordo, a Xunta achegará ata 2028 150M€ extra aos concellos para sufragar o SAF, elevando progresivamente o prezo por hora dos 12€ actuais aos 18€.

SAF O Pino

A conselleira reuniuse esta mañá co alcalde do Pino, Manuel Taboada, para avaliar o impacto que terá o acordo acadado entre a Xunta e a Fegamp para o incremento a achega ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Neste sentido, a conselleira lembrou que “se trata dun acordo histórico que suporá un incremento do 50% da achega do Goberno galego” a este servizo que é de competencia municipal. En concreto, explicou que no caso do concello do Pino, o incremento ao longo destes tres anos será de máis de 400.000 euros, co que a achega da Xunta a este servizo ata 2028 será de 1,4M€.