Nova

Fabiola García pon en valor o impulso da Xunta ao talento feminino galego con medidas pioneiras como ‘Presentes’ ou o programa Galicia Investiga Igualdade

Destaca que a nova comunidade ‘Presentes’ conta xa con máis de 2.000 expertas de todos os sectores para seguir sensibilizando a sociedade, especialmente as xeracións máis novas

Explica que se concederon dez axudas para a contratación de persoal investigador que realiza teses de doutoramento con perspectiva de xénero nas tres universidades galegas

Lembra que Galicia logrou importantes avances nos últimos anos, entre os que destacan a redución do paro feminino e a fenda salarial

Subliña o investimento neste ano de máis de 150M€ en medidas destinadas á conciliación e á corresponsabilidade


Santiago de Compostela, 10 de marzo do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento para dar conta das medidas coas que Galicia impulsa a igualdade de xénero, coincidindo coa  recente conmemoración do 8M, o Día Internacional das Mulleres. Na súa intervención, puxo en valor o impulso dado pola Xunta ao talento feminino co que conta Galicia, grazas á posta en marcha de iniciativas pioneiras que buscan a visibilización das mulleres profesionais.

Fabiola García destacou que a Xunta leva anos impulsando medidas como os programas específicos impulsados para mellorar a inserción laboral e a empregabilidade das mulleres e o deseño por parte da Xunta da que será a primeira Estratexia de emprego feminino en sectores masculinizados de Galicia e España. Ademais, lembrou que o Goberno galego impulsa o emprendemento feminino a través do programa Emega, con máis de 32M€ investidos nos últimos anos, apoiando a máis de 2.400 proxectos e xerando máis de 4.000 empregos.

No eido educativo, Fabiola García fixo balance do programa Galicia Investiga Igualdade,  unha iniciativa pioneira posta en marcha o ano pasado e que permite que dez estudantes predoutorais leven a cabo investigacións en calquera área de coñecemento con perspectiva de xénero. O orzamento deste programa é de 1,1 millóns de euros. As áreas de coñecemento destes proxectos son: cinco en Artes e Humanidades, tres en Ciencias Sociais e Xurídicas, un en Enxeñería e Arquitectura e outro en Ciencias.

Durante a comparecencia, a conselleira tamén explicou que todas estas medidas irán acompañadas dunha importante aposta pola conciliación e a corresponsabilidade, unhas políticas nas que o investimento previsto superará os 150M€.

Plataforma ‘Presentes’

No eido do impulso da visibilización do talento feminino, Fabiola García destacou que, coincidindo coa celebración do 8M, a Xunta puxo en marcha a campaña Máis referentes, máis presentes no marco do que impulsou Presentes, a plataforma dixital coa maior comunidade de mulleres profesionais de Galicia e de España, e que dá visibilidade ao talento e á experiencia das mulleres profesionais en Galicia.

Esta plataforma nace con máis de 2.000 mulleres profesionais de todas as áreas de coñecemento e con diversidade de traxectorias, máis e menos visibles, que xa quixeron formar parte desta comunidade nun proceso no que se contou co apoio de máis de 100 entidades profesionais, institucións e asociacións de Galicia. Poñendo, así, as bases dun proxecto transversal e duradeiro co que dar visibilidade á experiencia das mulleres profesionais en Galicia.

A conselleira fixo fincapé en que este é un proxecto “que busca ir a máis, fomentando novas oportunidades laborais, formación, diálogo e asesoramento, contribuíndo a construír unha sociedade máis igualitaria”.