Nova
A Xunta avoga por dar máis visibilidade e recoñecemento ao traballo académico e profesional das mulleres
María Quintiana destaca a importancia de programas como Galicia Investiga Igualdade para impulsar a investigación con perspectiva de xénero
Tamén puxo en valor a posta en marcha da plataforma presentes.gal, un espazo participativo para dar voz e reivindicar o talento feminino en todos os ámbitos
Santiago de Compostela, 9 de marzo do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, avogou hoxe por seguir traballando na eliminación das fendas de xénero e no maior recoñecemento e visibilidade do traballo académico e profesional das mulleres. Fíxoo no acto de conmemoración do Día Internacional das Mulleres organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, no que se recoñeceu a contribución a prol da igualdade de xénero do Arquivo Histórico Universitario.
Na súa intervención, María Quintiana puxo en valor o programa da Galicia Investiga Igualdade, unha iniciativa pioneira que a Xunta puxo en marcha fai un ano para impulsar a investigación con perspectiva de xénero e, a través do cal, dez persoas realizan as súas teses de doutoramento no sistema universitario galego.
Ademais, a directora xeral puxo en valor o proxecto presentes.gal, a maior plataforma que reúne o talento feminino de Galicia posta en marcha recentemente pola Xunta e na que se pon voz a todas as mulleres que, desde diferentes ámbitos e con diferentes traxectorias, están contribuíndo a construír a Galicia calidade.
Por último, Quintiana agradeceu a mirada feminista de todo equipo do Arquivo Histórico Universitario, liderado pola directora Desirée Domínguez Pallas, un feito que hoxe recolleron a Mención Honorífica polo súa contribución á igualdade de xénero na USC. Do mesmo xeito, e para finalizar, a directora xeral lembrou que a Universidade sempre abriu camiño na produción de coñecemento crítico e na promoción da igualdade, algo que axuda a cuestionar desigualdades e a dar visibilidade as voces historicamente silenciadas.