Nova
A Xunta enxalza o papel da fundación Eduardo Pondal na promoción da igualdade a través da literatura
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou a importancia de dar visibilidade ao talento e á experiencia das mulleres profesionais
Ponteceso (A Coruña), 8 de marzo do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta tarde na gala de premios Literatas 2026 da Fundación Eduardo Pondal. Durante a súa intervención, enxalzou o papel desta entidade no recoñecemento e promoción do talento feminino e a igualdade de xénero a través da literatura.
María Quintiana destacou a importancia de dar visibilidade ao talento e á experiencia das mulleres profesionais de Galicia, porque o seu traballo “ten moito que aportar e sumar á nosa sociedade”. Así, explicou que a Xunta impulsa este 2026, con motivo do día Internacional das Mulleres, a maior plataforma que reúne o talento feminino da comunidade e que pretende ser unha comunidade dixital para poñer en valor todo o que temos avanzado e “o que queda por diante”.
Neste sentido, fixo fincapé na importancia de que o resto de administracións e institucións poñan en marcha iniciativas que sigan avanzando na igualdade real e efectiva, tal e como fai a Fundación Eduardo Pondal co seu recoñecemento ás mulleres referentes da literatura galega.