Nova

Fabiola García enxalza o papel das mulleres rurais na contrución dunha Galicia máis comprometida coa igualdade e o avance social

Neste sentido, lembrou que nos últimos anos se lograron importantes avances que se traducen nun maior emprendemento e liderado feminino no sector


Ortigueira (A Coruña), 8 de marzo do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá no XV Encontro de Mulleres de Ortigueira que organiza este concello co obxectivo de homenaxear a todas as súas veciñas pioneiras. Durante a súa intervención, enxalzou o papel que desenvolven as mulleres do rural na construción dunha Galicia máis comprometida coa igualdade e o avance social.

Fabiola García enxalzou o compromiso deste concello na promoción dunha sociedade máis igualitaria, ao tempo que recalcou que é fundamental que desde todas as administracións se dean pasos cara adiante neste sentido. Así, fixo fincapé en que hai que seguir dando visibilidade a todas as mulleres referentes, sobre todo a todas aquelas que o deron todo para construír a Galicia de hoxe.

Por iso, agradeceu a todas as pioneiras de Ortigueira o seu labor incansable e, moitas veces sen recoñecemento, ao longo dos anos e que supuxo un gran piar para o avance social. Deste xeito, recalcou que os esforzos feitos ata o de agora “deron o seu resultado” e hoxe, explicou, cada vez son máis as mulleres que lideran proxectos no rural e emprenden no sector.

Así mesmo, Fabiola García sinalou que para avanzar nunha sociedade máis igualitaria desde as bases, é imprescindible “recoñecer a todas esas mulleres pioneiras e referentes que construíron a Galicia de hoxe” e loitaron para que “as nenas de hoxe poidan ser o que queiran, sen límites”. Neste sentido, reafirmou o compromiso da Xunta “para que todas elas estean presentes”.