Nova
A Xunta inxectará case 500.000 euros máis ata 2028 para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar en Ortigueira
Nesta lexislatura incrementarase nun 50% a achega autonómica a esta prestación, que é de competencia municipal
Preto de 3.000 dependentes viron paralizado o recoñecemento automático da súa discapacidade polo recurso do Goberno central ao plan de choque
Ortigueira (A Coruña), 8 de marzo do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta mañá co alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, para avaliar o impacto que terá o acordo acadado entre a Xunta e a Fegamp para o incremento a achega ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Neste sentido, a conselleira explicou que “se trata dun acordo histórico que suporá un incremento do 50% da achega do Goberno galego” a este servizo que é de competencia municipal. En concreto, explicou que no caso do concello de Ortigueira, o incremento ao longo destes tres anos será de preto de 500.000 euros, co que a achega da Xunta a este servizo ata 2028 será de 1,6M€.
Deste xeito, Fabiola García sinalou que “coas cifras na man vemos o beneficioso que será este acordo para os concellos galegos” e que demostra o compromiso da Xunta de Galicia coas Administracións locais e, sobre todo, con todos os dependentes galegos. Por iso, insistiu en que “é unha mágoa, que mentres a Xunta avanza en dereitos sociais, o Goberno central siga sen cumprir a Lei” e sen aportar o 50% do financiamento; polo que, lembrou, a débeda con Galicia ascende a 2.900 millóns de euros.
Ademais deste déficit no financiamento da dependencia, a conselleira denunciou que o Goberno central queira paralizar o Plan de choque posto en marcha hai un ano pola Xunta e que tan bos resultados está dar, con máis de 86.000 expedientes de dependencia e de discapacidade resoltos de maneira favorable, o dobre que no 2024. Fabiola García sinalou que a decisión do Tribunal Constitucional de levantar a paralización deste plan `”é un duro golpe para o Goberno central”, que coa súa actuación provocou que preto de 3.000 dependentes visen paralizada a homologación automática da súa dependencia e que tamén supuxo demoras no resto de procesos de valoración.