Nova
Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional das Mulleres, 8 de marzo do 2026
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2026
A igualdade de xénero real e efectiva é un dereito irrenunciable e imprescindible para que calquera sociedade democrática avance unida. As administracións públicas, as organización privadas, as institucións educativas, o tecido asociativo e, por suposto, toda a cidadanía son fundamentais nos grandes avances que se levan acadado nas últimas décadas e, por suposto, nos desafíos que temos por conseguir.
Galicia sempre foi por diante, unha sociedade que tivo sempre presente que as galegas e os galegos precisamos vivir nun lugar no que as oportunidades, as vidas e as carreiras profesionais estean marcadas pola liberdade e a igualdade. Unha Galicia na que as mulleres e as nenas teñan unhas administracións públicas que as acompañen, unhas leis que as protexan e unhas políticas públicas que sumen na loita pola igualdade.
Por iso mesmo, este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, a Xunta de Galicia lanza un mensaxe clara: a plena igualdade de xénero é conseguir unha sociedade máis xusta, máis sostible e libre de todo tipo de violencias. Unha sociedade na que as rapazas elixan, sen barreiras nin nesgos, quen queren e como queren ser; na que as mulleres deixen de sufrir discriminacións polo mero feito de selo; que todas as familias sexan lugares seguros afastados da violencia; na que o mundo dixital, no que tanto tempo pasa a mocidade, sexa empregado como un aliado, coidando as que nestes momentos son máis vulnerables nelas como son as nenas, as adolescentes, as mulleres e as persoas LGBTI; e, por suposto, que as mulleres acaden a visibilidade, os postos e os recoñecementos profesionais que lles corresponde.
Todos os lugares do mundo teñen moitos desafíos por diante, como sinala este ano a ONU baixo o lema Dereitos, xustiza, acción. Por todas as mulleres e nenas. Galicia por suposto tamén. A nosa comunidade conta coas administracións locais, provincias e a autonómica que traballan para que eses retos sexan unha realidade.
Desde a Xunta de Galicia desenvolvemos políticas públicas que teñen o obxectivo final de impulsar a transformación social adaptándonos aos novos contextos. Por iso mesmo, estamos tramitando a Lei de acoso e violencia dixital de Galicia, converténdonos na primeira comunidade en contar cunha lexislación específica para previr a violencia neste eido e protexer ás vítimas, que son maioritariamente menores, mulleres e persoas LGBTI.
Do mesmo xeito, no eido da igualdade laboral estamos dando pasos adiante ultimando a que será a primeira Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados. Unha folla de ruta que se está a traballar no ámbito do diálogo social e para o que se contou coa realidade de máis de 60 mulleres profesionais de sectores masculinizados e tamén de postos de alta dirección. Unha estratexia que se suma aos 1,2 millóns de euros que investimos cada ano para promover a incorporación das mulleres en sectores masculinizados nas empresas.
Ademais, seguimos impulsando o emprendemento feminino a través do programa Emega, no que nos últimos trece anos investimos máis de 32 millóns de euros, apoiamos máis de 2.500 proxectos e xeramos máis de 4.000 empregos. Un feito que ten moito que ver con que Galicia sexa a comunidade cun comportamento máis igualitario que a media de España no emprego autónomo no último mes: en Galicia o 49,75 % das traballadoras son mulleres, mentres que no resto de España é o 37,11 %. Estes datos únense tamén a que Galicia é a comunidade con máis mulleres en postos de dirección, co 41%. Compre tamén destacar que en Galicia nunca houbo tantas mulleres traballando como agora, con afiliacións á Seguridade Social en niveis históricos. A taxa de paro feminino baixa mes a mes, estando por debaixo da media estatal; ao igual que tamén o está a fenda salarial de xénero, que se atopa en mínimos históricos. Todo isto unido a políticas de conciliación e correponsabilidade, que son claves para acadar a igualdade de xénero. Galicia é un referente nestes eidos en todo o país que seguiremos impulsando.
Por suposto, desde a Xunta de Galicia imos seguir avanzando en moitos eidos prioritarios, tamén nun fundamental como é a visilibización do talento feminino galego. Porque segue a haber espazos públicos e privados con escasa presenza de voces profesionais de mulleres, e moitas veces isto non só responde á desigualdade, senón tamén á falta de visibilidade das mulleres profesionais. En Galicia hai un tecido asociativo moi significativo de mulleres profesionais que levan anos traballando para gañar visibilidade. Por iso, as administracións públicas precisamos ter un papel activo neste sentido, apoiando estas iniciativas, e tamén impulsando novos proxectos que abarquen a todos os sectores. Sempre da man das entidades e organizacións que reman cara ao mesmo lugar.
Para contribuír a mellorar esta situación, a Xunta de Galicia pon en marcha PRESENTES: a maior plataforma que reúne o talento feminino galego que nace xa con máis de 2.000 profesionais e co apoio de máis de 100 entidades e asociacións. Unha iniciativa destinada a eliminar as barreiras que aínda dificultan que as mulleres ocupen os espazos públicos e de recoñecemento, así como para aumentar a visibilidade facilitando o seu contacto para que formen parte da conversa pública. Un dos retos actuais é como se distribúen as voces expertas nos espazos ou debates. Por iso, PRESENTES é unha ferramenta útil que axuda a romper a lóxica imperante, visibilizando mulleres profesionais de todos os sectores do coñecemento e con diversidade de traxectorias.
Mulleres presentes para construír, desde o presente, un futuro en igualdade. Máis referentes, máis presentes.