Nova

A Xunta inviste preto de 90.000 euros en mellorar as condicións térmicas e o illamento da escola infantil pública autonómica de Ponteceso

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe o centro acompañado do alcalde do concello, José Manuel Mato

A actuación céntrase nas fachadas do inmoble e se executará durante o verán, aproveitando que a escola non ten actividade


Ponteceso (A Coruña), 6 de marzo do 2026

A Xunta de Galicia investirá algo máis de 88.800 euros en obras de mellora na escola infantil pública autonómica de Ponteceso. O xerente do Consorcio Galego de Servizos e Igualdade, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá o centro acompañado do alcalde do concello, José Manuel Mato.

As obras, que contratará o concello e que tamén as executará durante os meses de verán, aproveitando que a escola non ten actividade, centraranse nas fachadas do inmoble, e teñen como obxectivo mellorar as condicións térmicas e de illamento do mesmo.  Ademais, instalarase un novo toldo exterior no centro.

Perfecto Rodríguez explicou que con esta actuación se complementan unhas melloras xa iniciadas no 2024 co recubrimento dunha das fachadas da escola, e nas que se investiron 21.000 euros.

O xerente do Consorcio enmarcou esta intervención no compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas como a gratuidade.

Ao respecto, destacou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil cun 65%, 15 puntos por riba da media nacional.

Melloras en escolas das redes autonómica e local

A mellora deste centro de Ponteceso forma parte dun novo programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica. A Xunta destinará a estas actuacións, preto de 980.000 euros procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT).

Con estes fondos acometeranse actuacións de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento, en función das necesidades que teñan os centros.