Nova

O Colexio A Milagrosa, de Lugo, entrega ao comedor de San Froilán os 4.000 euros recadados na carreira solidaria organizada co apoio da Xunta


Lugo, 6 de marzo de 2026

O Colexio Plurilingüe A Milagrosa, de Lugo, entregou hoxe ao comedor social de San Froilán os 4.000 euros recadados na terceira edición da carreira solidaria ‘Tus pasos su alimento’, que se celebrou o pasado domingo e contou novamente co apoio da Xunta. No acto participaron o delegado territorial en Lugo, Javier Arias, e tres alumnos e alumnas do centro educativo acompañados pola profesora María Santos.

Arias felicitou ao CPR A Milagrosa “polo novo éxito de organización e participación” desta iniciativa, “que conxuga os valores do deporte coa solidariedade e implica á comunidade educativa nun proxecto que ten impacto directo na contorna”. Neste sentido, destacou ademais a resposta da cidadanía lucense, que cada ano se suma a esta carreira para apoiar unha causa social.

Durante o acto, o delegado puxo tamén en valor o labor que desenvolve o comedor social de San Froilán, “unha entidade cunha fonda traxectoria na cidade, que desde hai 25 anos presta apoio ás persoas que máis o necesitan, ofrecendo non só alimento senón tamén acompañamento e atención”.