Nova

Belén do Campo destaca en Boimorto a importancia dos CIM móbiles para levar recursos de protección á muller ao rural

A delegada lembrou que este domingo, 8 de marzo, celébrase o Día Internacional da Muller, unha data clave para reivindicar os avances acadados e tamén para seguir traballando polos retos pendente

Belén do Campo destacou que a Xunta inviste 1,6M€ nestes recursos que estarán percorrendo toda a xeografía galega, naqueles puntos nos que non hai centros destas características

A representante do Goberno autonómico animou a toda a poboación a achegarse a este servizo itinerante que ofrece información e asesoramento sobre calquera cuestión persoal ou dúbida que poidan ter


Boimorto (A Coruña), 5 de marzo do 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo,  acompañada pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, comprobou esta mañá o funcionamento dun dos catro Centros de Información á Muller (CIM) móbiles cos que conta a Xunta de Galicia.

Durante a visita, a delegada lembrou que precisamente este domingo, 8 de marzo, celébrase o Día Internacional da Muller, unha data clave para reivindicar os avances acadados e tamén para seguir traballando polos retos pendentes. Neste sentido, puxo en valor o esforzo que se está a realizar desde a Xunta de Galicia na promoción da igualdade, no impulso de medidas de conciliación e na visibilización do papel das mulleres na sociedade galega, reafirmando o compromiso do Goberno autonómico cunha Galicia máis xusta e igualitaria.

Estes recursos itinerantes, nos que o Goberno galego investiu 1,6 millóns de euros, teñen como obxectivo reforzar a sensibilización en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero, chegando especialmente a zonas rurais, onde non existen servizos desta natureza. “É fundamental que este tipo de recursos chegue a todos os recunchos de Galicia, especialmente a aqueles nos que o acceso a información e apoio en materia de xénero é máis limitado”, destacou a delegada.

Concretamente, a representante do Goberno autonómico destacou que neste mes de marzo as CIM móbiles xa estiveron na provincia nos concellos de Camariñas, Cabanas e Boimorto e mañá venres estarán en A Pobra do Caramiñal. En total, este mes, está previsto que percorran 11 concellos da provincia e 42 municipios de toda Galicia.

Cada unidade móbil está composta por persoal profesional e especializado, incluíndo psicóloga e traballadora social, para ofrecer orientación, información e apoio a toda a cidadanía. Segundo Belén do Campo, o obxectivo é que “calquera persoa poida ser un axente activo na prevención e detección da violencia de xénero” e, ao mesmo tempo, que se poidan comprender mellor os roles de xénero e o machismo presentes na sociedade.

A delegada subliñou que a Xunta quere, a través destes CIM, chegar a todos os recunchos de Galicia, facendo fincapé na importancia de que os recursos cheguen ao rural, onde son máis necesarios e onde a concienciación social require un esforzo adicional para garantir que todas as mulleres teñan acceso a servizos de protección e apoio.

Estes CIM móbiles forman parte do compromiso do Goberno galego de seguir fortalecendo a igualdade e de ofrecer á cidadanía ferramentas para previr, detectar e combater a violencia de xénero en todo o territorio galego.