Nova

A Xunta defende o impacto positivo das súas políticas de inclusión nas persoas e familias máis vulnerables

Destaca a mellora considerable dos indicadores de pobreza na nosa comunidade, cunha taxa Arope que está máis de tres puntos por debaixo da media nacional

Critica a pésima xestión do Ingreso Mínimo Vital (IMV) por parte do Goberno central, que fai que este só chegue ao 20% dos fogares en situación de pobreza

Avoga por seguir reforzando os programas que favorecen o acceso a un posto de traballo, en colaboración con concellos e entidades do terceiro sector


Santiago de Compostela, 5 de marzo do 2026

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, puxo en valor hoxe o impacto positivo que teñen as políticas da Xunta nas persoas e familias que se encontran en situación de vulnerabilidade. Fíxoo nunha comparecencia a petición propia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia.

Na súa intervención, o director xeral destacou que nos últimos anos na nosa comunidade os indicadores de pobreza e exclusión social melloraron considerablemente, situándose actualmente a taxa Arope 3,6 puntos por debaixo da media nacional. A pesar deste dato, reiterou que mentres haxa persoas en dificultades económicas e sociais “seguiremos adoptando todas as medidas e esforzos que sexan necesarios”.

Ao respecto, Arturo Parrado sinalou que a planificación, a coordinación e o financiamento son  os eixos para mellorar a vida das persoas e familias en risco de exclusión. Nestes eixos principais enmarcou a Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030, o traballo conxunto cos concellos e entidades e os 130 millóns de euros de orzamento específico que ten este ano a Dirección Xeral de Inclusión Social.

Axudas directas

O director xeral manifestou que para reducir o impacto que están a ter factores como o incremento dos prezos en todos os ámbitos, especialmente no da vivenda, máis da metade do orzamento da súa área está dirixido a axudas directas de apoio á renda: Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), Axudas de Inclusión Social (AIS), Programa Básico ou o complemento autonómico ás pensións non contributivas.

Arturo Parrado referiuse en concreto á Risga, que dá cobertura a persoas que non transitaron ou non teñen acceso ao Ingreso Mínimo Vital (IMV), ademais de complementar os ingresos de moitas persoas que cobran un IMV moi reducido. Así mesmo, apuntou que “a Risga achega garantías fronte as incertezas e inseguridade do IMV”, e se referiu ao último informe da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), publicado o pasado mes de febreiro,  no que se advirte que o IMV só chega ao 20% dos fogares en situación de pobreza.

Nesta liña, o responsable autonómico de Inclusión Social manifestou que “a pésima xestión e a falta de coordinación coas Comunidades Autónomas por parte do Goberno central na aplicación do IMV fai que esta prestación non estea a conseguir o seu obxectivo”. Así mesmo, insistiu en que Galicia segue reclamando a transferencia da xestión do IMV e apostando por unha xanela única de acceso.

Favorecer o acceso ao mercado de traballo

Ademais de apoiar a renda, Arturo Parrado manifestou que o emprego é o principal factor de inclusión e, por iso, defendeu a necesidade de seguir reforzando os programas e medidas que a Xunta desenvolve neste ámbito da man de concellos e entidades de iniciativa social

Así, o director xeral explicou que o seu departamento destina este ano máis de 45 millóns de euros a administracións locais e a organizacións do terceiro sector para o financiamento dos servizos sociais básicos e de iniciativas específicas de inclusión sociolaboral.