Nova
A Xunta felicita o equipo de remo inclusivo Amicos-Cabo da Cruz polos seus éxitos no campionato de España celebrado en Cartaxena
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destaca que os membros deste equipo son exemplo de superación, compañeirismo e ilusión
Boiro (A Coruña), 4 de marzo do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, felicitou esta mañá o equipo de remo inclusivo Amicos–Cabo da Cruz polos éxitos acadados no XXIV Campionato de España de Remoergómetro e no VIII Open de España en Remo Indoor, celebrados a pasada fin de semana en Cartaxena. Fabiola García situou aos membros do equipo como exemplo de superación, compañeirismo e ilusión e puxo en valor o traballo desenvolvido por todos os seus membros ao longo do campionato situando a Galicia como referente do deporte adaptado.
Na súa intervención, a conselleira fixo mención tamén aos galardoados: Macarena Fernández, Ramiro Lueiro, Carolina Castro e Adrián Iglesias, ao tempo que destacou o traballo do adestrador, Gustavo Vázquez. Neste sentido, agradeceu o bo facer de todo o equipo de remo inclusivo Amicos- Cabo da Cruz e a súa representación de todos os deportistas da comunidade. Por iso, destacou a súa clasificación para o campionato mundial, levando a Galicia ao máis alto. Así mesmo, animounos a continuar remando coa mesma ilusión e amosouse convencida de que, co tesón que demostran, poderán conseguir todo o que se propoñan no deporte e en calquera ámbito das súas vidas.
Fabiola García estendeu a súa felicitación a Amicos, por ser unha entidade de referencia no só no ámbito dos coidados, tamén a nivel da integración das persoas con discapacidade.