Nova

A delegación territorial da Xunta en Lugo acollerá o 13 de marzo o encontro ‘Women in Sports’ 2026

Catro profesionais con diferentes traxectorias compartirán os seus puntos de vista e experiencias nesta cita, que busca conectar e darlles visibilidade ás mulleres de todos os ámbitos do deporte

A iniciativa, impulsada pola fundación canadiense The Mathurin Family Foundation e organizada en colaboración coa agrupación deportiva Sagrado Corazón, chega á cidade da man da xogadora do Ensino Jessica Féquière


Lugo, 4 de marzo de 2026

A Delegación Territorial da Xunta acollerá o próximo 13 de marzo o evento Women in Sports (WIS) 2026, que busca empoderar, darlles visibilidade e conectar ás mulleres de todos os ámbitos relacionados co sector – deportistas, executivas, profesionais da saúde, estudantes ... -.

A convocatoria está impulsada pola fundación canadiense The Mathurin Family Foundation e chega a Lugo da man de Jessica Féquière, vicepresidenta desa entidade e xogadora do Ensino. Está organizada en colaboración coa agrupación deportiva Sagrado Corazón.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, presentou hoxe o programa xunto con  Féquière, deportista profesional que está detrás da iniciativa, e o presidente da asociación Sagrado Corazón, Rubén Engroba. Tamén acudiu a xogadora de baloncesto do Ensino Lydia Giomi, que será unha das relatoras da xornada, e outros membros do club.

A actividade desenvolverase de 16,00 a 20,00 horas baixo o lema Os moitos rostros da muller no deporte. O panel de invitadas está formado por catro profesionais con diferentes traxectorias, que compartirán os seus puntos de vista e experiencias.

As relatoras serán a deportista Lydia Giomi; a fisioterapeuta especializada en solo pélvico Patricia Pontón; a médica Elena Quintas e a xornalista deportiva Zeltia Rigueiro. Como moderadora intervirá a xornalista María Martínez Guntín. 

Ademais das charlas, haberá unha quenda de preguntas dos asistentes e unha sesión de networking posterior. A xornada abordará temáticas moi variadas e vai dirixida a un público amplo e diverso. En especial pretende axudar a derrubar estereotipos e  tecer redes de apoio para impulsar o liderado feminino entre as novas xeracións de mulleres no deporte.