Nova
A Xunta abre a consulta pública previa a Lei Galega de Infancia e Adolescencia
Este é o paso previo á elaboración do anteproxecto da que será a primeira norma específica neste ámbito da Comunidade Autónoma
Pódense presentar achegas ata o vindeiro dia 17 deste mes de marzo
O texto lexislativo abordará a atención e a protección integral das persoas menores de idade, garantirá os seus dereitos e regulará o réxime de infraccións e sancións
Santiago de Compostela, 3 de marzo do 2026
A Xunta abre hoxe a consulta pública previa a Lei Galega de Infancia e Adolescencia, paso previo para a elaboración do anteproxecto desta norma, que será a primeira específica neste ámbito da Comunidade Autónoma. As persoas a título particular, as entidades e axentes do sector, e a sociedade en xeral poden achegar as súas propostas ata o vindeiro día 17 deste mes, a través do formulario habilitado no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia.
O intención da Xunta é que este proceso de consulta sexa moi participativo, como primeiro paso para que o futuro texto lexislativo acade o maior consenso posible. O obxectivo é que Galicia dispoña dunha lei moderna, adaptada ás novas realidades sociais e que, sobre todo, poña á infancia e á adolescencia no foco e no centro de actuación de todas as administracións. Ademais, esta normativa suporá un cambio de paradigma na atención aos menores, pasando dun enfoque centrado na cobertura das necesidades dos menores a outro baseado en garantir os dereitos dos nenos e dos adolescentes, tal e como establece a Convención dos Dereitos do Neno de 1989.
Ata agora, todas as novidades e modificacións lexislativas no ámbito autonómico que afectan á infancia e á adolescencia foran incluídas noutras leis, como por exemplo: a Lei de apoio á familia de 2011 ou a Lei de impulso demográfico de Galicia de 2021. Nesta futura norma específica abordarase a atención e a protección dun colectivo que é especialmente vulnerable, as distintas actuacións que se deben levar a cabo para garantir os seus dereitos e o réxime de infraccións e sancións en materia de infancia.
Potenciar o acollemento familiar
O propósito do Goberno galego é que o anteproxecto de lei serva para potenciar o acollemento familiar como fórmula prioritaria de protección dun neno ou adolescente cando non pode vivir coa súa familia. Con este fin, nesta iniciativa lexislativa incluirase a dobre valoración das familias para o acollemento e adopción. Isto abre a posibilidade de que o neno poida permanecer no seu fogar se os técnicos da Xunta deciden que saia en adopción. Desta maneira, darase prioridade a que o neno permaneza coa familia acolledora, favorecendo a súa continuidade na mesma contorna e evitando novas rupturas de vínculos.
Outras novidades que o Executivo autonómico quere que contemple a Lei son, entre outras: a creación dun rexistro de familias acolledoras e adoptivas, a regulación dos tipos de medidas de protección á infancia ou a mellora da coordinación das administracións que traballan nesta materia.