Nova
Belén do Campo asiste ao encontro provincial “Ponte no meu lugar” de Enki para promover a inclusión a través do deporte
A delegada da Xunta destacou que o obxectivo desta xornada é sensibilizar ás novas xeracións e promover unha cultura de inclusión onde o deporte sexa un espazo compartido por todas e todos
A Coruña, 3 de marzo de 2026
A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, participou esta mañá no encontro provincial, organizado por ENKI, “Ponte no meu lugar”, unha iniciativa que reúne a centros educativos da provincia para que o alumnado experimente en primeira persoa distintas modalidades de deporte adaptado. Concretamente, este evento reúne a 6 centros educativos da Coruña, Arteixo e Santiago, en total 300 alumnos dos centros CEIP Sal Lence, CEIP Roxos, CEIP de Galán, CEIP San Xosé Obreiro, CEIP Pío XII e CPR plurilingüe Divino Maestro.
A representante do Goberno autonómico agradeceu o seu apoio ás 7 entidades colaboradoras con estas actividades deportivas: club atletismo Sada, Aspace Coruña, Asociación Sociocultural ASCM, Crat Sharks, Club Esgrima Coruña, Deportivo Genuine e o Club del Mar.
Durante o encontro provincial, os escolares tiveron a oportunidade de coñecer e practicar disciplinas como rugby mixed ability, ciclismo adaptado, atletismo en cadeira, tándem, carro running, slalom, boccia, Joëlette, triciclo, atletismo adaptado, voleibol sentado, pádel e tenis en cadeira de rodas ou baloncesto en cadeira de rodas, entre outras. Ademais, puideron interactuar con clubs e entidades sociais que traballan pola inclusión a través do deporte, como Enki.
A delegada da Xunta destacou que o Goberno galego colaborou, o ano pasado, con esta entidade a través das direccións xerais de Discapacidade, Maiores e Familia para levar a cabo 12 dos seus programas, incluído o que se realizou esta mañá, por un importe de case 350.000 euros no ámbito de Política Social. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte tamén participa e apoia a organización da carreira ENKI e desde o ano 2022 dispoñen dun local propio no edificio Amizar facilitado pola Xunta.
Esta actividade enmárcase no programa de apoios xestionado pola Consellería de Política Social para iniciativas de interese xeral e forma parte do proxecto “Xornadas de Sensibilización en Centros Educativos”, cuxas actividades centrais se desenvolverán ao longo deste mes de marzo. A delegada salientou que este encontro “marca o inicio oficial das xornadas provinciais en toda Galicia”.
Esta actividade continuará o vindeiro 5 de marzo en Expourense, o 9 de marzo no estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo e o 11 de marzo no Pavillón municipal de deportes de Pontevedra. O acto contou coa inauguración previa da directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana.
No presente curso participan 39 colexios e máis de 1.200 escolares de 5º e 6º de Primaria de toda Galicia. O programa constou dunha primeira fase de charlas previas nos propios centros educativos, nas que deportistas con diversidade funcional compartiron as súas experiencias de superación e trasladaron ao alumnado valores como o esforzo, a resiliencia e o compañeirismo.
A representante do Goberno autonómico puxo en valor o deporte como ferramenta clave para fomentar a empatía, a igualdade de oportunidades e a integración real das persoas con diversidade funcional.
“O obxectivo é claro: sensibilizar ás novas xeracións e promover unha cultura de inclusión onde o deporte sexa un espazo compartido por todas e todos”, concluíu.