Nova
A Xunta axudou a impulsar 15 negocios liderados por mulleres na Mariña o ano pasado a través do programa Emega
O delegado territorial, Javier Arias, explica que os incentivos sumaron 192.000 euros e permitiron crear 21 postos de traballo femininos
Foz (Lugo), 3 de marzo de 2026
A Xunta axudou a impulsar 15 negocios liderados por mulleres na Mariña a través da convocatoria do programa Emega de emprendemento feminino correspondente a 2025. As achegas concedidas suman 192.000 euros.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou en Foz un dos establecementos beneficiarios, a escola de música e danza MAD Performing Arts Studio, que coa súa posta en marcha xerou tres postos de traballo – un por conta propia e dous contratos - .
En canto á distribución das axudas nos concellos mariñáns, Foz e Ribadeo contan con tres iniciativas cada un; Burela, Cervo e Mondoñedo dúas respectivamente; e Xove, Barreiros e Lourenzá unha.
A maioría solicitaron a liña Emerxe, con doce beneficiarias. Outras dúas corresponden á modalidade Impulsa, para favorecer a consolidación ou a reactivación de negocios e a implantación de medidas de mellora da competitividade. A última pertence á terceira liña, Innova, que apoia propostas empresariais con contido científico ou con base tecnolóxica.
Creación de emprego
O número de postos de traballo feminino orixinados en total ascende a 21, dos que 14 son por conta propia e sete por conta allea. Cómpre resaltar que oito deles eran persoas desempregadas de longa duración. Ademais, o programa axudou ao mantemento de catro empregos (a metade por conta propia e dous contratos).
No que respecta aos sectores, entre os beneficiarios figuran negocios de hostalería, restauración, compravenda de gando, xestión de comunidades de propietarios, confección, albanelería e electricidade, venda de produtos cosméticos, centros de estética, un espazo creativo e social, unha consultoría especializada en propiedade intelectual e transformación dixital, un servizo editorial e de redacción, unha tenda de roupa e unha asesoría empresarial.
Arias explicou que a Xunta convoca cada ano o programa Emega, con catro modalidades de axudas para impulsar o liderado feminino no eido laboral. Ademais das tres mencionadas – Emerxe, Impulsa e Innova -, comprende a liña Concilia, para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral.