Nova

A Xunta avalía o avance das obras do novo centro de día de Vilamarín, no que inviste 600.000 euros

Fabiola García avanzou que este novo recursos impulsado no Plan de Investimentos do Goberno galego suporá a creación de 30 novas prazas públicas de atención diúrna


Vilamarín (Ourense), 28 de febreiro do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá o “importante pulo” que a Xunta está a dar á rede local de atención ás persoas maiores a través do Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de centros municipais. Así o asegurou na súa visita ás obras do centro de día de Vilamarín, un dos novos equipamentos impulsados na nosa comunidade ao abeiro deste plan e no que o Goberno galego inviste 600.000 euros.

Fabiola García, que estivo acompañado do alcalde do municipio ourensán, Amador Vázquez, sinalou que o Goberno galego inviste 600.000 euros na construción deste centro ao que se suma a colaboración da Deputación de Ourense que achega 200.000 euros para o equipamento do inmoble.  Así mesmo, explicou que este servizo disporá de 30 prazas públicas e cuxa titularidade e xestión corresponderá á Administración local.

Ademais deste centro de día, a Xunta está a financiar outra vintena de actuacións con cargo ao Plan de investimentos, ao que se destinan 18,5 millóns de euros de fondos europeos. O programa de intervencións inclúe residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais, e foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e que permitirá crear 682 novas prazas públicas de atención diúrna e residencial. Deste orzamento, 12 millóns de euros, que supoñen o 65% do total do plan, estanse a empregar en proxectos da provincia de Ourense.