Nova
Fabiola García destaca as melloras proxectadas na residencia de maiores pública autonómica José Otero
Investiranse 230.000 euros na renovación do sistema de climatización do inmoble
Santiago de Compostela, 15 de febreiro do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe o esforzo que fai a Xunta de Galicia na mellora e acondicionamento dos centros de maiores da rede pública autonómica. Fíxoo durante unha visita á residencia José Otero, na que se investirán 230.000 euros na mellora das condicións térmicas e de climatización do edificio.
Fabiola García explicou que o obxectivo desta actuación é que os residentes gañen en comodidade e en benestar, mantendo na instalación cunhas temperaturas axeitadas a cada época do ano. O contrato está nestes momentos en licitación e as empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro día 2 de mazo para presentar as súas propostas.
As obras consistirán na substitución dos equipos de climatización situados no soto do inmoble por uns novos que se instalarán na cuberta do mesmo. O prazo previsto de execución dos traballos é de dous meses, contados a partir da adxudicación, e están financiados con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU).
Recurso do Goberno central
Por outra parte, a conselleira denunciou que nestes momentos xa hai 2.600 galegos aos que a Xunta non lles pode conceder automaticamente a discapacidade por culpa do recurso do Goberno central e pediu de novo a súa retirada. Ademais, criticou que o Executivo central actúe desta maneira con Galicia só polo seu afán recaudatorio.
Neste sentido, advertiu da contradición que supón que o Goberno central recorra un modelo que copia na súa proposta para a modificación da Lei de Dependencia, pero quitando os beneficios fiscais aos que teñen dereito estas persoas.