Nova
A Xunta esixe ao goberno central que garanta a protección das vítimas de violencia de xénero e aclare o alcance dos fallos nas pulseiras de control telemático
Roberto Barba insistiu en que o sistema Comenta é unha competencia exclusiva do Executivo central que debe encargarse do seu funcionamento e seguimento
Explicou que o Ministerio de Igualdade segue sen dar respostas claras aos erros rexistrados durante meses no sistema e que afectaron a vítimas galegas xerando gran inseguridade
Santiago de Compostela, 12 de febreiro do 2026
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, volveu esixir esta mañá ao Goberno central que garanta a protección das vítimas de violencia de xénero e aclare o alcance e afectación real dos fallos rexistrados durante meses nas pulseiras ‘antimaltrato’ do sistema Cometa. Así o indicou na resposta a unha pregunta oral na Comisión 5ª do Parlamento sobre estes dispositivos de control telemático para agresores.
O director xeral insistiu en que o sistema Cometa é responsabilidade “única e exclusiva do Ministerio de Igualdade” que debe encargarse da contratación das empresas e dos dispositivos, da supervisión, seguimento e resolución dos fallos. Por iso, recalcou que é necesario que aclaren o que acontecen durante os períodos de desconexión dos dispositivos que “ocasionaron perda de datos importantes sobre o posicionamento dos agresores”, algo que derivou, segundo explicou, en informes erróneos con precisións inexactas presentados en sede xudicial o que “provocou moitas sentenzas absolutorias por falta de probas”.
Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de que o Ministerio de Igualdade responda as demandas de Galicia e aclare como resolveron estes erros que causaron gran inseguridade nas vítimas, algo do que “por agora non houbo aínda resposta”. A Xunta tivo constancia de que varias mulleres na comunidade se viron afectadas polos problemas de desconexión dos dispositivos de control e que ocasionou que “moitas delas deixasen de confiar no sistema e apagasen voluntariamente os dispositivos”.