Nova

Fabiola García esixe ao Goberno central que retire o recurso contra o Plan de axilización da dependencia e a discapacidade

A conselleira lembra que a Xunta vaise persoar ante o Constitucional para tentar frear a paralización das homologacións automáticas, das que en 2025 se beneficiaron máis de 12.600 galegos

Destaca o investimento de 40M€ nesta lexislatura na mellora e acondicionamento da rede de residencias públicas de maiores

Lembra que a Xunta destina 840 M€ nos orzamentos de 2026 a atención aos maiores tanto nos seus domicilios como en centros autonómicos

Explica que a Xunta sigue reclamando a transferencia a Galicia da xestión do Ingreso Mínimo Vital, apostando por un modelo de xanela única desta renda e da Risga


Santiago de Compostela, 11 de febreiro do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, instou esta mañá ao Goberno central a que retire o recurso presentado ante o Tribunal Constitucional e que paraliza o plan de axilización da dependencia e da discapacidade posto en marcha pola Xunta. Na súa intervención no Parlamento de Galicia, lembrou que a Xunta vén de aprobar persoarse neste procedemento, que paraliza as homologacións automáticas de discapacidade, das que se beneficiaron máis de 12.600 galegos en 2025.

Fabiola García tamén demandou ao Executivo central que cumpra coa Lei de Dependencia e financie o 50% os servizos de atención á dependencia, unha materia na que acumula unha débeda con Galicia de 2.900M€. Neste sentido, referiuse ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que reciben 23.000 galegos e no que a Xunta vén de asinar un acordo coa Fegamp para incrementar a súa achega ao financiamento nun 50% ata 2028. Sobre esta cuestión, lamentou a “improvisación continua” dun grupo parlamentario que hai uns meses presentou unha emenda aos orzamentos para situar a achega nos 17 euros por hora "e que unha vez que se acada o acordo de subir a 18 euros, non lle vale”.

En relación ao modelo de coidados impulsado pola Xunta, a conselleira fixo fincapé en que a atención ás persoas maiores “é unha prioridade” do Goberno galego, como demostran os orzamentos para este ano 2026, nos que se reservan máis de 840M€ a este fin. Fabiola García apostou por “deixar aos maiores elixir onde queren pasar esta etapa da súa vida” e destacou que a preferencia da maior parte dos galegos é recibir coidados no seu fogar. Para isto, explicou que a Xunta conta con varios servizos moi demandados como Xantar na Casa, o Bono Coidado no Fogar ou o SAF.

En canto á atención residencial, explicou que obxectivo da Xunta é impulsar ata 2028 máis de 3.500 novas prazas públicas. Ademais, o Goberno galego está procedendo a adaptar os centros residenciais ao novo modelo de coidados co investimento de máis de 40 M€ no que vai de lexislatura na mellora das residencias da rede pública galega.

Investimento en inclusión social

Fabiola García tamén contestou a unha interpelación sobre a inclusión social. Sobre esta cuestión, explicou que a Xunta blindou en 2026 os orzamentos destinados a esta materia con preto de 130M€. Nesta liña, detallou que o Goberno galego aposta pola creación de emprego e a inserción laboral, entre outras políticas que, segundo destacou, “faciliten ás persoas construír os seus proxectos persoais e vitais”.

Sobre a modificación da Lei de Inclusión Social de Galicia, asegurou que a Xunta sigue reclamando a transferencia da xestión do Ingreso Mínimo Vital (IMV), apostando por un modelo de xanela única, que permita unha tramitación áxil das dúas rendas mínimas: o IMV e a Risga. Deste xeito, explicou que “se reduciría a burocracia, melloraríanse as taxas de acceso, reforzaríase o proceso de inclusión e evitaríanse duplicidades”.

Finalmente, a conselleira tamén puxo en valor “o acordo histórico” acadado coa Fegamp para incrementar a achega da Xunta ao financiamento do SAF, un servizo xestionado polos concellos e que reciben cada día 23.000 galegos. Deste xeito, explicou que suporá unha inxección de máis de 150M€ do Goberno galego aos concellos ata o 2028 e que vai repercutir no servizo, “mellorando a prestación, alixeirando a lista de agarda e os tempos de espera”.