Nova

A Xunta comproba o resultado das obras da nova residencia de maiores de Verea, xa rematadas

O centro, de titularidade e xestión municipal, ten capacidade para 24 usuarios

Esta actuación forma parte do Plan de investimentos do Executivo autonómico para a mellora da rede local de centros destinados á atención das persoas maiores


Verea (Ourense), 11 de febreiro do 2026

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a nova residencia de maiores de Verea, cuxas obras remataron recentemente e nas que o Goberno galego investiu 730.000 euros. Na visita tamén participou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e o alcalde, José Antonio Pérez Valado.

Este novo centro, de titularidade municipal, ten capacidade para aloxar a 24 usuarios en 12 habitacións dobres. Ademais da zona residencial, o equipamento dispón de espazos para actividades, área médica e de rehabilitación, comedor e zona administrativa e de servizos xerais: lavandería, roupeiro ou cociña, entre outros. O concello, que executou as obras, será tamén o encargado da xestión da residencia.

Perfecto Rodríguez destacou o reforzo da rede de centros para as persoas maiores que está a facer a Xunta a través do Plan de investimentos. Este plan foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e contempla o desenvolvemento dunha vintena de proxectos en concellos rurais e de menor poboación.

A Xunta destina a este plan un total de 18,5 millóns de euros de fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU). Deste orzamento, 12 millóns de euros, que supoñen o 65% do total do plan, estanse a empregar en proxectos de construción, ampliación ou mellora de residencias, centros de día ou centros sociais de concellos da provincia de Ourense.

No conxunto de Galicia, a través desta iniciativa, crearanse 650 novas prazas públicas de atención residencial e de centros de día.