Nova

Fabiola García avanza o impulso da visibilización das mulleres profesionais para acadar unha Galicia máis igualitaria

Agradeceu ás premiadas que co seu traballo contribúan a que a economía galega medre e avance da man da igualdade de xénero


Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe o importante labor de Empresarias Galicia na promoción da igualdade e en dar máis visibilidade ao protagonismo feminino no mundo empresarial. Fíxoo na gala anual de entrega de premios desta entidade, na que se recoñeceu a traxectoria de Mercedes Toscano, CEO de Minimelis (Premio Emprendemento), Lucía Freitas, chef de A Tafona e fundadora de Amas da Terra (Premio Impacto Social), Olalla Cuiña, presidenta de Inasus e Metaldeza (Premio Traxectoria Profesional),  Virginia Pozo, CEO de Coosy (Premio Empresaria do Ano) e Luz Pardo, CEO de Cafés Lúa e de Gestán (Premio Mención de Honra).

Fabiola García felicitou ás premiadas e agradeceulles o seu traballo, co que contribúen a que a economía galega sega a crecer e a avanzar da man da igualdade de xénero, ata facer hoxe de Galicia unha das comunidades con máis mulleres en postos de dirección. Ademais, instou a seguir traballando para eliminar as desigualdades e manter o apoio a moitas mulleres que fan grandes esforzos para acadar o mesmo éxito que os seus compañeiros.

Neste sentido, a conselleira sinalou que a Xunta traballa en diferentes programas para a súa incorporación en sectores tradicionalmente reservados aos homes. Con este obxectivo, estase a ultimar a Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados.

Fabiola García tamén se referiu a outras iniciativas que ten en marcha o Goberno galego para que as mulleres teñan máis presenza no mundo corporativo, tales como: as axudas para apoiar iniciativas emprendedoras, para o reforzo do asociacionismo feminino ou para fomentar a investigación en perspectiva de xénero.