Nova
Martina Aneiros participa no acto conmemorativo do Patronato Concepción Arenal
Ferrol, 4 de febreiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe no acto conmemorativo do aniversario de Concepción Arenal organizado polo Patronato Concepción Arenal coincidente coa inauguración dun local de atención a persoas migrantes no concello de Ferrol.
O novo local desta entidade social ten como obxectivo fortalecer a acollida, o acompañamento e a integración social das persoas migrantes na nosa comunidade. Aneiros lembrou “os retos e dificultades que teñen que afrontar as persoas migrantes e, máis concretamente, as mulleres migrantes que sofren unha situación de vulnerabilidade por partida dobre”.
A representante autonómica destacou a implicación e o compromiso desta entidade social que vén percibindo diferentes axudas económicas da Xunta de Galicia para desenvolver programas relacionados tanto coa atención a persoas migrantes, coa inclusión social así como coa conciliación, prestando sempre un servizo destacado ás mulleres en situación de vulnerabilidade.
“Con estas novas instalacións, a entidade vai a contribuír á inclusión dos migrantes, facilitándolles o acceso a un proxecto de vida e a novas oportunidades de futuro”, destacou Aneiros.