Nova
A Xunta avala a traxectoria da Fundación Sálvora no apoio ás persoas con discapacidade en todos os ámbitos
O Goberno galego apoia con 130.000 euros anuais o traballo que desenvolve a entidade viguesa
Vigo, 4 de febreiro de 2026
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu hoxe ao encontro anual da Fundación Sálvora, que reuniu a profesionais e voluntariado da entidade, así como a usuarios da mesma, amigos e familiares.
Begoña Abeijón resaltou que a traxectoria da Fundación Sálvora desde que se creou nos anos 90 do século pasado a ten convertido nunha entidade de referencia en Galicia no apoio e asesoramento na toma de decisións de persoas con discapacidade. Así mesmo, salientou que o seu traballo contribúe a que as persoas con discapacidade teñan unha mellor calidade de vida e unha participación máis activa na sociedade, grazas ao apoio que presta en todos os ámbitos.
A Xunta colabora con esta entidade a través dun convenio anual de 130.000 euros para dar continuidade ao funcionamento dos seus servizos de información, asesoramento e acompañamento.
Por outra parte, a directora xeral denunciou que o Goberno central, coa publicación do recurso hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE), vén de paralizar o Plan de Choque da dependencia e da discapacidade da Xunta por un afán puramente recadatorio. Así, explicou que coas máis de 12.500 homologacións automáticas da discapacidade realizadas pola Xunta o pasado ano, o Executivo central deixou de recibir 114 M€, causando un importante dano a todos os galegos.