Nova
Fabiola García destaca que a Xunta concede máis de 600.000€ á entidade Dano Cerebral Coruña para a posta en marcha do novo centro integral
O centro, que xa está practicamente rematado, dará servizo a preto de 200 familias da contorna e ofrecerá atención diúrna especializada e servizos ambulatorios
A conselleira pon en valor o labor que desenvolve a entidade Dano Cerebral Coruña, coa que a Xunta colabora anualmente cunha achega de preto 800.000 euros para o financiamento dunha decena de prazas nos seus centros
A Coruña, 27 de xaneiro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá as obras en fase final de execución do futuro centro de atención integral ao Dano Cerebral da Coruña, un novo recurso que a Xunta de Galicia apoia cunha achega de máis de 600.000 euros para a súa construción e posta en funcionamento. Na visita, a conselleira estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, pola directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, e polo director de Dano Cerebral A Coruña (Adaceco), Juan Luis Delgado.
Fabiola García destacou que o centro impulsado pola entidade Dano Cerebral A Coruña, que xa está practicamente rematado, dará servizo a preto de 200 familias da contorna e ofrecerá atención diúrna especializada combinada con servizos ambulatorios específicos como a rehabilitación ou a fisioterapia
Na súa intervención, a conselleira puxo en valor a actividade que desenvolve a asociación Dano Cerebral A Coruña, unha entidade coa que, destacou, “levamos anos traballando da man para mellorar a calidade de vida das persoas e familias afectadas” e á que anualmente a Xunta destina preto de 800.000 euros para financiar unha decena de prazas nos seus centros e para a posta en marcha de programas e proxectos de coidado ou promoción da autonomía.