Nova
Belén do Campo destaca o labor dos máis de 2.300 voluntarios que fan posible o traballo do banco de alimentos na provincia da Coruña nas grandes recollidas
A delegada da Xunta mantivo unha xuntanza de traballo co presidente do Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial), Manuel Mora
A representante do Goberno autonómico fixo un chamamento para seguir colaborando con esta entidade ao longo de todo o ano
A Coruña, 21 de xaneiro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co presidente do Banco de Alimentos da provincia da Coruña, Manuel Mora, para abordar a situación desta entidade na provincia da Coruña e para reafirmar o apoio da Xunta de Galicia aos voluntarios que loitan contra a desigualdade e a pobreza alimentaria.
Durante o encontro, Belén do Campo puxo en valor o papel fundamental que esta entidade desempeña na loita contra a desigualdade social, grazas ao traballo altruísta e comprometido dos seus voluntarios e colaboradores, que garantizan o acceso a recursos básicos e bens de primeira necesidade a persoas e familias en situación de vulnerabilidade.
Destacou especialmente a importancia do labor realizado polos máis de 2.300 voluntarios cos que conta a institución en grandes recollidas, así como de todas as persoas e organizacións que colaboran con esta entidade para asegurar que as necesidades alimentarias básicas das persoas máis vulnerables sexan atendidas. Neste senso lembrou que un dos seus principais colaboradores é o FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria) proporcionando frutas e verduras para a súa distribución gratuita. No 2024 aportaron 18 tipos de frutas e hortalizas a 8.122 beneficiarios a través de 68 entidades sociais. Ademais, esta entidade conta co apoio da Consellería de Política Social, a través da orde de axudas a entidades de iniciativa social para actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social cunha partida total de case 100.000 euros nos anos 2025, 2026 e 2027 e concretamente neste ano máis de 50.000 euros para apoiar o seu funcionamento.
Na reunión tamén se salientou que o Banco de Alimentos da provincia da Coruña atende a miles de persoas na provincia e arredores, subministrando alimentos de primeira necesidade a través dunha extensa rede de entidades sociais. No ano 2024, esta entidade repartiu máis de 1,7 millóns de quilos de alimentos entre 119 entidades, chegando a máis de 24.600 persoas beneficiarias na provincia de 33 concellos. Na actualidade, desde xuño de 2025, ampliaron o número de localidades atendidas chegando a todos os da provincia e colaborando con 160 entidades.
Estes datos reflicten a realidade actual de moitas familias que dependen do apoio solidario dun banco de alimentos para completar a súa alimentación básica e afrontar as dificultades derivadas do aumento dos prezos e da precariedade económica.
Belén do Campo fixo tamén un chamamento a toda a sociedade para seguir colaborando durante todo o ano, e non só nas grandes campañas, para que “as persoas que necesitan esta axuda teñan un prato enriba da mesa e non queden ás portas da dignidade”. Subliñou a importancia das grandes recollidas de alimentos, que mobilizan a centos de voluntarios e cidadáns para encher os almacéns con produtos básicos e fundamentais para cubrir as necesidades das familias máis desfavorecidas en toda a provincia.
A colaboración entre administracións, empresas, colectivos sociais e cidadáns é esencial para que iniciativas como a do Banco de Alimentos da Coruña poidan seguir crecendo e chegando máis lonxe, garantindo unha rede de solidariedade efectiva contra a crise alimentaria e a exclusión social. O presidente da entidade aproveitou a reunión para trasladarlle outras necesidades e iniciativas que queren levar a cabo.