Nova
A Xunta concede axudas por valor de 161.000 euros a 14 proxectos liderados por mulleres nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a unha das beneficiarias do programa Emega destinado a fomentar o emprendemento feminino
Esta convocatoria da Consellería de Política Social e Igualdade contou en 2025 cun orzamento de máis de 5 M€
Narón (A Coruña), 13 de xaneiro de 2025
A Xunta concede axudas por 161.000 euros a 14 proxectos liderados por mulleres nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución desta convocatoria do programa Emega da Consellería de Política Social e Igualdade para o fomento do emprendemento feminino durante unha visita a unha das beneficiarias do programa.
Trátase de Verónica Romero Villares, titular da froitería Tenreiro de Narón, que percibiu unha achega autonómica de 16.000 euros, dentro da liña Emerxe, orientada a apoiar novas iniciativas empresariais e á creación de emprego feminino estable por conta propia e allea, concretamente á creación dun novo posto de traballo por conta propia e un indefinido por conta allea.
Aneiros destacou o compromiso do Goberno galego coa promoción do apoderamento económico e social das mulleres, o incremento da súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminación da fenda de xénero. Para o cumprimento destes obxectivos esta convocatoria contou con máis de 5 M€.
O programa Emega
A representante do Goberno galego lembrou que o programa posúe catro liñas de axudas. A primeira delas, Emega Emerxe, con contías de ata 22.000 euros, para apoiar iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea. A segunda, Emega Impulsa, con ata 17.000 euros de subvención, para favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres, así como a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade. A terceira modalidade é Emega Innova, con contías de ata 42.000 euros, para o desenvolvemento de iniciativas empresariais con contido científico ou con base tecnolóxica.
A estas tres modalidades hai que engadir una axuda complementaria ás anteriores, Emega Concilia, destinada a facilitar que as traballadoras poidan compaxinar a vida laboral, persoal e familiar, tanto das promotoras da iniciativa empresarial como das persoas traballadoras por conta allea, cunha contía máxima de 5.000 euros.
Ademáis, a delegada destacou que este ano a convocatoria do programa Emega, cofinanciado nun 60% pola Unión Europea no marco do programa FSE Galicia 2027-2027, tamén pretende prestar un maior apoio ás mulleres maiores de 55 anos e ás propostas de emprendemento no rural, entre outros.