Nova

A Xunta pon en valor a atención especializada e gratuíta que presta o centro de crise 24 horas de Ferrol en toda a contorna

Galicia e Asturias son as únicas comunidades nas que este servizo é presencial durante as 24 horas do día

Roberto Barba lembrou que a nosa comunidade é pioneira na posta en marcha de servizos e medidas de protección e recuperación de vítimas de violencia de xénero


Ferrol, 8 de xaneiro de 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, puxo en valor a importancia do centro de crise Acompañadas 24 horas da Xunta no hospital Novoa Santos de Ferrol e que presta unha atención e asesoramento especializado e gratuíto en toda a contorna. Nunha visita na que tamén participou a delegada territorial, Martina Aneiros, destacou o compromiso do Goberno galego na loita contra calquera manifestación da violencia de xénero e lembrou o traballo que se está levando a cabo na prevención, sensibilización e detección, así como na protección e recuperación das vítimas.

Roberto Barba sinalou a importancia destes centros, onde se presta unha atención especializada, tanto presencial como telefónica, as 24 horas do día e os 365 días do ano, algo que só acontece – segundo lembrou- na nosa comunidade e en Asturias. De feito, subliñou que os puntos de atención especializada dispoñen dun completo equipo profesional de carácter multidisciplinar, que integra traballadores sociais, psicólogos ou especialistas xurídicos e que permite ofrecer atención integral nun mesmo recurso.

Neste sentido, o director xeral explicou que Galicia é unha comunidade pioneira na protección das vítimas de violencia de xénero en diferentes aspectos, entre eles, destacan as medidas de protección e recuperación integral como as casas de acollida ou a prestación económica periódica e que se complementa con outros recursos como os Centros de Información á Muller ou os Centros Acompañadas 24 horas.