Nova
A Xunta reafirma o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero achegando os recursos de prevención e sensibilización aos representantes da infancia
Jacobo Rey salientou a importancia de que a mocidade participe nos diálogos e espazos de reflexión para mellorar as políticas públicas
Así mesmo, Roberto Barba explicou que o obxectivo do Executivo galego é protexer aos máis novos que son as potenciais vítimas das violencias
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2026
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participaron no Pleno do Consello Autonómico da Infancia e da Adolescencia (CAIA). Na sesión, presentaron aos participantes os recursos de prevención e sensibilización fronte á violencia de xénero, da que a mocidade debe ser parte activa.
Jacobo Rey salientou a importancia de que a infancia e a adolescencia formen parte nos diálogos e espazos de reflexión porque deben ser un dos piares esenciais para a construción e mellora das políticas públicas. Por iso, puxo en valor que órganos coma o CAIA dean voz á mocidade en cuestións tan importantes como a loita contra a violencia de xénero e poidan, así, exercer os seus dereitos e participar na vida pública.
Neste sentido, Roberto Barba tivo o ocasión de explicarlle aos membros deste Consello as medidas nas que o Executivo galego está traballando para seguir combatendo en todas as esferas públicas a violencia contra as mulleres. Deste xeito, trasladoulles a importancia de que toda a sociedade, desde os máis novos, estea implicada nesta loita e sexa capaz de identificar calquera tipo de violencia machista.
Así mesmo, Barba lembrou que a Xunta está elaborando a primeira Lei de Acoso e Violencia Dixital do país e que busca ofrecer a máxima protección ás potenciais vítimas entre as que se atopan as mulleres e os adolescentes. Así, indicou que desde o Executivo galego se está traballando co tecido asociativo para poñer en marcha o primeiro marco normativo que identifique e tipifique todas as manifestacións de violencia no eido dixital.