Nova
A Xunta enxalza o compromiso do tecido asociativo a prol das familias monoparentais na xuntanza de Nadal de Fagamos
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica explicou que o Goberno galego impulsou diferentes medidas para facilitar o seu acceso aos servizos públicos
Jacobo Rey avanzou que Galicia contará no próximo ano cun rexistro específico para que estas unidades conten co seu certificado de xeito máis áxil
Noia (A Coruña), 28 de decembro de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou no encontro de Nadal da Asociación de Familias Monoparentais (Fagamos) que se celebrou esta mañá en Noia. Alí, reivindicou a importancia do tecido asociativo a prol destas unidades familiares para seguir consolidando dereitos e dándolles visibilidade.
O Goberno galego foi un dos primeiros en aprobar no ano 2011 o recoñecemento oficial e específico que lles outorga diferentes vantaxes. Deste xeito, o director xeral lembrou que nos últimos anos a Xunta seguiu mellorando o seu acceso á carteira de servizos dándolles prioridade á hora de acceder ás escolas infantís públicas; protección preferente na vivenda autonómica ou descontos nas tarifas do comedor escolar ou dos campamentos xuvenís que organiza o Goberno autonómico.
Así mesmo, Jacobo Rey avanzou que a comunidade galega contará de cara ó próximo ano cun rexistro específico para estas unidades co obxectivo de que poidan acceder ao seu certificado acreditativo de xeito máis sinxelo e áxil. Neste sentido, explicou que desde a Xunta trabállase man a man coas entidades para afondar nas necesidades destas familias e seguir mellorando o seu acceso aos servizos públicos.