Nova
A Xunta destina 5,4 millóns de euros a garantir a prestación periódica a vítimas de violencia de xénero
Esta axuda consiste en pagamentos mensuais de ata 800 euros
Pódese solicitar durante todo o ano e tamén está a disposición de mulleres que sofren explotación sexual ou trata e para as que perderon os seus fillos a mans do agresor, no caso de violencia vicaria
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia destina preto de 5,4 millóns de euros á nova convocatoria para 2026 das axudas económicas de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero. O Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado martes, día 23, publicou esta orde de achegas, cuxo orzamento inicial é ampliable no caso de que fose necesario.
Estas achegas concédense de maneira ininterrompida por un período máximo de doce meses. A contía das mesmas oscila entre os 200 e os 800 euros ao mes, en función dos ingresos, das fillas ou fillos menores a cargo ou de se estes teñen algunha discapacidade.
Os requisitos para recibir esta prestación periódica mensual son: ser maior de idade, estar empadroada e ter residencia en Galicia (ou permiso de residencia no caso das estranxeiras), dispoñer duns ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM e non ter recibido esta axuda con anterioridade.
Así mesmo, para recibir esta prestación as mulleres beneficiarias deben demostrar que están a sufrir violencia de xénero con documentos como ordes de protección, sentenzas xudiciais, acreditación administrativa ou outros informes das autoridades competentes.
O prazo para solicitar a prestación económica comezará transcorridos cinco días hábiles desde a publicación da convocatoria no DOG e estará aberto ata o 31 de decembro de 2026. Galicia leva 20 anos convocando, de maneira ininterrompida, esta orde de axudas.