Nova
A Xunta lanza a campaña ‘Vaia regaliño! Este Nadal regala corresponsabilidade’ para reflexionar sobre o reparto das tarefas nos fogares nestas festas
O Goberno galego continúa coas accións de sensibilización e concienciación nunhas datas nas que, de forma sistemática, se reproducen desigualdades non sempre visibles
A proposta ten un ton que é recoñecible, directo e accesible cunha mensaxe clara e firme: a corresponsabilidade non se regala, asúmese; empregando o “regalo” como unha metáfora creativa para evidenciar unha falta estrutural, non para suavizala
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia pon en marcha este Nadal a campaña Vaia regaliño! Este Nadal regala corresponsabilidade co obxectivo de facer reflexionar sobre o reparto dos diferentes tipos de tarefas nos fogares galegos que, aínda máis nestas festas, recaen de xeito maioritario sobre as mulleres.
Conscientes de que queda aínda por avanzar para acadar a plena igualdade, a corresponsabilidade é imprescindible. O Goberno galego continúa coas accións de sensibilización e concienciación neste sentido nunhas datas nas que, de forma sistemática, se reproducen desigualdades que non sempre son visibles. Porque, mentres uns desfrutan das festas como descanso, outras asumen unha sobrecarga de tarefas, coidados e responsabilidades. Así, partindo desta realidade, nace a campaña Vaia regaliño! Este Nadal regala corresponsabilidade, unha proposta que pon o foco na corresponsabilidade no eido doméstico e familiar especialmente nesta época do ano.
Para intentar corrixir estas situacións, a campaña emprega un recurso cultural propio, irónico e próximo como é a retranca galega como licenza creativa para interpelar directamente ás persoas que “desaparecen” durante o Nadal e delegan as responsabilidades noutras. O ton é recoñecible, directo e accesible, pero cunha mensaxe clara e firme: a corresponsabilidade non se regala, asúmese. De feito, o “regalo” úsase como unha metáfora creativa para evidenciar unha falta estrutural, non para suavizala.
Vaia regaliño! funciona coma un espello incómodo pero necesario, un xesto que sinala condutas en lugar de normalizalas, tratándoas con humor intelixente, sen culpabilizar pero sen restar importancia á problemática. De feito, a campaña non fala a todo o mundo por igual, xa que está pensada para impactar de xeito segmentado, falando directamente a quen non asumen a súa parte nas tarefas e coidados.
A campaña desenvólvese a nivel dixital, redes sociais e cartelaría exterior, e conta tamén con tres pezas audiovisuais protagonizadas pola actriz e directora galega Mariana Carballal. A finalidade non é soamente xerar visibilidade, senón provocar reflexión e debate sobre dinámicas profundamente arraigadas. Está financiada con fondos do Plan Corresponsables, cofinanciados entre o Ministerio de Igualdade e a Xunta de Galicia.