Nova

Fabiola García felicita as festas de Nadal aos maiores e persoal sociosanitario dos centros residencias

A conselleira de Política Social e Igualdade agradeceu o labor dos traballadores destes centros que acompañan aos usuarios cada día velando polo seu benestar

O Goberno galego leva anos impulsando diferentes iniciativas para combater a soidade non desexada e promover a vida activa das persoas maiores


Vilamartín de Valdeorras (Ourense), 25 de decembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e membros da Fundación Valdegodos, visitou os usuarios, familiares e persoal da residencia Virxe dos Milagres en Vilamartín de Valdeorras. Dende alí, trasladou a tradicional felicitación de Nadal do Executivo galego a todas as persoas que pasan estas datas nos centros residencias galegos e aos traballadores.

A conselleira enxalzou o labor de todo o persoal sociosanitario que traballa cada día velando polo benestar dos maiores que viven nos centros residenciais e por facer destes recursos “o seu fogar”. Neste sentido, lembrou que nestas datas tan sinaladas e marcadas polos reencontros e as celebracións familiares a súa compañía e dedicación é fundamental.

Melloras no centro

Durante a súa visita a conselleira tivo ocasión de coñecer as melloras realizadas nesta residencia para adaptala ao modelo de coidados impulsado pola Xunta. Grazas a unha achega de máis de dous millóns de euros, o centro realizou melloras nas habitacións dos usuarios e nos espazos comúns para dotalos de máis medios tecnolóxicos que faciliten a comunicación co persoal.

Programas para maiores polo Nadal

Ademais, lembrou que co obxectivo de combater a soidade non desexada e o illamento de moitos maiores, a Xunta leva anos desenvolvendo iniciativas como o programa Xuntos polo Nadal grazas ao que máis de 300 maiores están pasando estas festas en compañía e baixo unha atención profesional nas residencias de Tempo Libre de Panxón e O Carballiño.

A Xunta de Galicia traballa cada día para ofrecer ás persoas maiores todas as opcións que desexen para pasar esta etapa das súas vidas onde e como decidan. Polo que, Fabiola García salientou os diferentes programas que están en marcha como o Carné +65, Benestar en Balnearios ou as Aulas Sénior, que fomentan o seu envellecemento activo e saudable.