Nova
A Xunta apoia o labor solidario que realiza a Asociación da Caridade Santiago Apóstolo a través do seu comedor social
Destina máis de 130.500 euros ao mantemento deste servizo
Este recurso é un dos beneficiados na última convocatoria de axudas plurianual para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social, dotada con 21 millóns de euros
Cangas (Pontevedra), 24 de decembro de 2025
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá o comedor social da Asociación da Caridade Santiago Apóstolo, en Cangas. Durante a visita, puxo en valor o traballo que durante todo o ano, e en especial nunhas datas tan sinaladas como estas, realiza esta entidade para atender a persoas que atravesan unha situación de especial dificultade.
Arturo Parrado lembrou que a Xunta colabora no mantemento deste labor solidaria cunha achega que supera os 130.000 euros. Esta axuda enmárcase na convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2025-2027, que está financiada parcialmente pola Unión Europea ao abeiro do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
A Xunta destina a esta liña de axudas plurianual 21 millóns de euros, case un 6% máis que na anterior convocatoria. Un total de 99 entidades recibirán fondos desta orde para desenvolver un total de 769 actuacións.
Os programas e accións que se sufragarán con estas subvencións están relacionados co funcionamento de centros de inclusión ou emerxencia social, o desenvolvemento de programas e actuacións que favorezan a integración e ao acceso ao mercado laboral de persoas inmigrantes e outras en situación ou risco de exclusión social.
Así mesmo, a convocatoria potencia novamente as medidas centradas na atención ás persoas sen fogar, cunha liña de achegas para apoialas e facilitar a súa inclusión residencial.