Nova
A Xunta aposta polas iniciativas de envellecemento activo como prevención das situacións de deterioro e dependencia
Antón Acevedo explicou que o Goberno galego conta con programas específicos como Benestar en Balnearios ou as actividades de mantemento que se realizan en colaboración cos concellos
Vigo, 15 de decembro de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta tarde na xornada de Envellecemento Saudable: Vida aos anos, que se celebrou no Hospital Universitario de Vigo, e onde puxo en valor a aposta da Xunta por iniciativas que fomenten o benestar activo dos maiores como elemento fundamental para previr as situacións de deterioro ou dependencia.
Neste sentido, Antón Acevedo explicou que desde o Goberno galego son moitas as iniciativas que se levan a cabo para promover entre os maiores un envellecemento activo que ademais de mellorar o seu benestar, contribúa a evitar as situacións de soidade non desexada ou a fomentar a súa vida activa na sociedade. Deste xeito, fixo mención ao programa Benestar en Balnearios ou ás actividades de mantemento que se realizan en case toda Galicia a través de convenios de colaboración cos concellos.
Por iso, lembrou que nos vindeiros días comezará unha nova edición do programa Xuntos polo Nadal, unha das actividades máis demandadas polos maiores porque ademais de permitirlles festexar estas datas en compañía, axúdalles a coñecer outras persoas e realizar actividades que combaten o seu deterioro.
Antón Acevedo trasladou o compromiso da Xunta por seguir impulsando estas actividades de envellecemento activo porque, recalcou, investir nestas iniciativas é gañar en prevención. Así, avanzou que de cara ó próximo ano os maiores poderán seguir desfrutando destes programas que son esenciais para o seu benestar.