Nova

Fabiola García asina co alcalde de Ribadeo un novo convenio de 320.000 euros para o acondicionamento do Hospital Asilo como residencia de maiores

Este acordo posibilitará que o Concello poida levar a cabo a necesaria adecuación do inmoble para o equipamento, lavandería e cociña das instalacións

Este investimento únese aos 700.000 euros achegados pola Xunta o pasado ano para a reforma integral deste recurso municipal


Ribadeo (Lugo), 14 de decembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinou esta mañá un acordo de colaboración co alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, polo que a Xunta destinará 320.000 euros a sufragar traballos de acondicionamento para o equipamento do Hospital Asilo municipal de San Sebastián e San Lázaro. Esta intervención inclúe a instalación dunha nova lavandería e cociña.

Esta colaboración económica da Xunta vai posibilitar que o Concello de Ribadeo poida levar a cabo a necesaria adecuación do inmoble para o equipamento, lavandería e cociña das instalacións contribuíndo a mellorar a atención ás persoas maiores do concello proporcionándolles unha atención integral adecuada ás súas necesidades.

A conselleira destacou que este investimento únese ao acordo asinado en 2024 polo que destinaron 700.000 euros á reforma integral deste recurso municipal para convertelo nunha residencia de vangarda. Ademais, a conselleira indicou que con esta colaboración o Goberno galego cumpre o seu compromiso cos veciños de Ribadeo de colaborar no financiamento desta importante actuación para que sexa unha realidade canto antes e tamén reforza a súa aposta pola atención de proximidade, impulsando a creación de recursos residenciais. O centro residencial será de titularidade municipal e ofertará 40 prazas.