Nova

A Xunta destaca na entrega dos premios Son Muller 2025 a súa aposta polo emprendemento e o liderado feminino, con 420 iniciativas apoiadas no último ano

A directora xeral de Promoción da Igualdade , María Quintiana, lembrou as axudas do Goberno galego prestan un maior apoio a mulleres maiores de 55 anos, a propostas de emprendemento no rural e en sectores masculinizados


Lugo, 12 de decembro de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asistiu esta tarde á entrega de premios Son Muller 2025 que organiza a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo. Durante o acto, puxo en valor o traballo desta entidade para dar visibilidade ao emprendemento feminino.

Os premios Son Muller 2025 contan con recoñecementos ao emprendemento feminino, ás mulleres con empresas consolidadas no sector e tamén aos proxectos no eido rural. Así, a directora xeral sinalou que estes galardóns son fundamentais para dar visibilidade ao traballo das mulleres e fomentar unha igualdade real e efectiva.

Así mesmo, María Quintiana lembrou a aposta da Xunta de Galicia por seguir impulsando iniciativas que permitan ás mulleres desenvolver proxectos propios para acadar a súa autonomía e romper os estereotipos de xénero. Neste sentido, lembrou as axudas Emega destinadas a impulsar proxectos empresariais de mulleres e aos que o Executivo autonómico destinou máis de 5 millóns de euros para beneficiar 420 iniciativas.

A orde deste ano presentou como principal novidade o reforzo de criterios específicos para a concesión das achegas, co obxectivo de prestar un maior apoio a mulleres maiores de 55 anos, a propostas de emprendemento no rural e en sectores masculinizados, así como favorecer a realización de proxectos colaborativos.