Nova
A Xunta pon en valor o labor que realiza a fundación INGADA no asesoramento das familias de persoas con TDAH sobre os recursos sociosanitarios dispoñibles
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta tarde na presentación da nova guía informativa elaborada pola entidade
A Coruña,12 de decembro de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta tarde na presentación da guía de recursos sociosanitarios para persoas con TDAH en Galicia elaborada polo grupo de acción comunitaria da Fundación INGADA. No acto, felicitou á entidade polo seu labor de apoio e asesoramento continuo ás familias de persoas con trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH).
A guía elaborada por Ingada é unha ferramenta práctica que facilita o acceso a servizos esenciais para persoas con TDAH e á súa contorna, proporcionando información clara e útil sobre recursos sociosanitarios dispoñibles en Galicia.
A Fundación Ingada xorde en 2014 co obxectivo de dar asistencia en Galicia a persoas afectadas por TDAH e trastornos asociados e ás súas familias. Así, a colaboración entre a entidade e a Xunta de Galicia certifica o compromiso da Administración autonómica con esta organización e coa importante tarefa que están a desenvolver para os seus usuarios, as súas familias e tamén para toda a sociedade galega.