Nova
A Xunta colabora coas entidades locais na prevención e sensibilización da violencia de xénero en todas as súas manifestacións
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, sinalou a importancia de que as accións de concienciación á cidadanía se realicen ao longo do ano e poñan o foco nas potenciais vítimas para avanzar na detección
O Porriño (Pontevedra), 11 de decembro de 2025
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, asistiu esta tarde ás xornadas de prevención e protección das vítimas desde unha perspectiva social e tecnolóxica que se desenvolven no concello do Porriño. Estas iniciativas de sensibilización contra a violencia de xénero contan coa colaboración da Xunta, e que buscan concienciar das diferentes manifestacións do machismo en todos os eidos sociais.
Neste sentido, Roberto Barba recalcou que a loita contra a violencia de xénero é unha tarefa que se realiza cada día e na que é necesaria a implicación de todos os axentes sociais para chegar ao maior número de poboación. Así, fixo fincapé en que para erradicar esta lacra un dos primeiros pasos é a prevención e a sensibilización a pé de rúa e, sobre todo, identificar os perfís das potenciais vítimas para detectala a tempo.
Deste xeito, o director xeral animou á cidadanía a ser parte activa na loita contra a violencia machista, ao tempo que animou á cidadanía a concienciar ás persoas que teñen ao seu carón e a formar parte do diálogo aberto coa administración e as institucións para seguir mellorando as políticas públicas. Por iso, volveu lembrar que as súas achegas son fundamentais na redacción do texto da que será a primeira Lei nacional de acoso e violencia dixital e na que xa está traballando o Executivo galego.