Nova
A Xunta avoga pola coordinación sociosanitaria e os servizos de proximidade para dar unha atención integral e eficiente ás persoas con alzhéimer
Fabiola García salienta que Galicia conta cunha rede pública de centros de día especializados na atención a persoas cunha demencia neurodexenerativa
Ademais, incide na necesidade de seguir avanzando na prevención e o diagnóstico temperá, nos coidados e a atención sociosanitaria, e na investigación
Madrid, 5 de decembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avogou hoxe por seguir impulsando as canles de comunicación e a coordinación entre os ámbitos sanitario e social para que as persoas con alzhéimer reciban uns coidados integrais e eficientes. Díxoo na xornada sobre o primeiro aniversario do Pacto polo Recordo organizada pola Confederación Española do Alzhéimer (Ceafa), que tivo lugar no Congreso dos Deputados e á que tamén asistiu o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo.
Fabiola García explicou que, no ámbito social, Galicia conta cunha ampla rede de servizos de proximidade que é fundamental para detectar, previr e actuar ante os primeiros indicios ou síntomas de alzhéimer que poidan xurdir. Como exemplo puxo o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e do programa Xantar na Casa, que ao ter un contacto directo coas persoas ás que atenden poden dar a primeira voz de alarma ante calquera comportamento sospeitoso. Así mesmo, tamén destacou o papel de apoio e vixilancia que ten a familia e persoas achegadas.
A conselleira indicou que a Xunta traballa na atención ás persoas con esta doenza coa posta en marcha de máis recursos adaptados ás súas necesidades que melloren a súa calidade de vida. Neste sentido, salientou a rede pública galega de centros de día de alzhéimer, con 560 prazas e da que forman parte psicólogos, terapeutas ocupacionais, traballadores sociais e coidadores para garantir unha atención completa e de calidade.
Así mesmo, destacou o labor de entidades sociais como a Federación Alzhéimer Galicia (Fagal), ás que se referiu como as grandes aliadas na loita contra esta enfermidade e das que encomiou a súa experiencia e labor a pé de campo.
Estratexia
Fabiola García defendeu a necesidade de incidir en tres piares para avanzar na loita contra o alzhéimer: a prevención e o diagnóstico temperá, os coidados e a atención sociosanitaria, e a investigación. Ademais, indicou que a mellor maneira de garantir unha atención integral é xerar unha estratexia que identifique no sistema sanitario, no sistema de protección social e na sociedade no seu conxunto as necesidades das persoas cunha demencia neurodexenerativa e as das súas familias.