Nova

Fabiola García defende o modelo de coidados de Galicia, que permite elixir ás persoas maiores onde e como queren recibir a atención que necesitan

Destaca a posta en marcha de medidas pioneiras como o Bono Coidado no Fogar ou as Casas do Maior, para satisfacer a preferencia maioritaria de recibir atención no domicilio e preto da súa contorna social

Pon en valor a modernización do sistema residencial, coa aposta polas novas tecnoloxías para mellorar a atención, o reforzo da coordinación sociosanitaria e as reformas de centros para que sexan máis parecidos a un fogar

Recórdalle ao Goberno central a débeda de 2.900 millóns de euros que ten con Galicia por non cumprir coa Lei de Dependencia

Salienta as axudas de 12.000 euros anuais para enfermos de ELA que o Executivo autonómico concede desde fai catro exercicios

Avoga por seguir favorecendo o envellecemento activo e saudable, a través de programas como Xuntos polo Nadal ou Benestar en Balnearios, ou o Carné +65


Xixón (Principado de Asturias), 4 de decembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe que o modelo de coidados que leva anos desenvolvendo Galicia se centra nas persoas e en dar resposta ás preferencias que manifestan os maiores sobre como pasar esta etapa das súas vidas coa atención que precisan. Fíxoo no I Foro Internacional: Economía do Coidado e Silver Economy, que reuniu en Xixón a responsables neste ámbito dos gobernos de Asturias, Castela-A Mancha, Navarra e País Vasco.

Fabiola García explicou que en Galicia a maioría das persoas maiores desexan recibir coidados nas súas casas e preto da súa contorna social, e que para atendelas a Xunta puxo en marcha dúas medidas pioneiras. A primeira é o Bono Coidado no Fogar, unha axuda de 5.000 euros ano para os dependentes coidados por un familiar ou calquera outra persoas da súa contorna próxima que xa reciben máis de 33.000 persoas. E a segunda destas iniciativas é a rede de Casas do Maior, formada por máis de 160 recursos de atención diúrna totalmente gratuítos.

A conselleira sinalou a mellora e o crecemento do sistema residencial. Así, sinalou a implantación dun novo modelo nos centros no que se aposta polas novas tecnoloxías, creando residencias intelixentes con sensores que alertan de caídas, problemas de orientación ou calquera outra situación. Así mesmo, apuntou que este modelo tamén reforza a coordinación entre os ámbitos social e sanitario, e procura unha nova concepción dos centros para evolucionar cara uns equipamentos que sexan máis parecidos a un fogar.

Axilización da atención á dependencia

Fabiola García manifestou que este fortalecemento dos servizos para os maiores é posible grazas a uns orzamentos estables que o vindeiro ano superarán os 840 millóns de euros de investimento para atención socosanitaria e dependencia, un 17% máis que este ano.

Ao respecto, resaltou os bos resultados do Plan de axilización e simplificación da dependencia e discapacidade, en marcha desde  o pasado mes de xaneiro, que fixo posible superar hoxe as 92.000 persoas atendidas e situar a Galicia entre as Comunidades Autónomas cunha mellor ratio de atención: por riba do 98%.

Ademais, a conselleira demandou ao Goberno central que cumpra coa Lei e cubra o 50% dos custos dos servizos da dependencia e lembrou que a débeda acumulada que este ten con Galicia por este deficiente financiamento é de 2.900 millóns de euros.

Coidados de longa duración

No que atinxe a coidados de longa duración, Fabiola Garcia subliñou que Galicia conta cunha pioneira rede de alzhéimer, con 10 centros e 560 prazas públicas; que se ofrecen desde fai catro anos axudas de 12.000 euros anuais para enfermos de Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e que se dotará á comunidade dos dous primeiros Centros de coidados intermedios, en Santiago de Compostela e en Mos, para atender a persoas que reciben a alta hospitalaria e precisan de rehabilitación antes de volver aos seus domicilios ou centros residenciais.

A titular autonómica de Política Social e Igualdade manifestou que outro dos retos aos que está facer fronte a Xunta é atender á nova xeración de maiores que chega á idade de xubilación con máis autonomía. Para este grupo ofrécense propostas de envellecemento activo, como os programas Benestar en Balnearios e Xuntos polo Nadal, ou o Carné +65. 

Por último, Fabiola García referiuse ás novas estratexias que se están desenvolvendo ante fenómenos recentes como o idadismo ou a soidade non desexada.