Nova

A Xunta e o concello de Outes estudan novas vías de colaboración para a atención á dependencia e discapacidade no municipio

A conselleira de Política Social e Igualdade explicou que o Goberno galego é consciente da necesidade de incrementar os servizos e valora crear novos recursos


Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde de Outes, Francisco Calo, reuníronse este mediodía en San Caetano para avaliar novas vías de colaboración entre ambas administracións de cara á seguir mellorando a atención ás persoas con discapacidade e dependentes deste municipio e da comarca.

Neste sentido, o alcalde trasladou á conselleira as necesidades do concello de Outes na atención ás persoas con discapacidade da contorna e as súas familias. Por iso, incidiu na importancia de contar cun centro residencial específico no municipio que dea resposta ás demandas da veciñanza. Deste xeito, presentoulle a proposta de proxecto para a creación deste recurso e fixo fincapé en que ademais do servizo de atención á veciñanza, tería unha función esencial  á hora de xerar novos postos de traballo na zona.

Pola súa parte, a conselleira indicou ao alcalde que o Goberno galego é consciente das necesidades do municipio neste eido e comprometeuse a avaliar o proxecto e estudar a súa viabilidade, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e ofrecer unha atención de calidade ás persoas con discapacidade da contorna.