Nova

A Xunta destaca que máis de 300 familias se beneficiaron dos programas de preservación familiar, que melloran a convivencia na contorna e evitan situacións de desamparo

Un informe elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela revela que estes recursos teñen un impacto positivo no benestar infantil


Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025

Un informe elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela ratifica o impacto positivo que están a ter os espazos de preservación familiar, uns recursos da Xunta de Galicia que xa beneficiaron a máis de 300 familias con programas de mellora da convivencia. Trátase dun servizo imprescindible para evitar situacións de desamparo ou vulnerabilidade na infancia e adolescencia.

Deste xeito, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, sinalou durante a presentación do estudo que as conclusións revelan o potencial destes recursos -concertados coas entidades sociais Fundación Meniños e Asociación Arela-, e que teñen un impacto moi positivo no benestar infantil. Así, explicou que a intervención dos profesionais que forman parte destes espazos permite mellorar as dinámicas familiares, a convivencia e as relacións entre os membros.

Jacobo Rey tamén lembrou que a rápida intervención dos servizos sociais e do persoal destes recursos facilita unha atención temperá que é fundamental á hora de previr situacións de vulnerabilidade. Por iso, indicou que durante todo o proceso é necesaria unha cooperación e colaboración de todos os axentes implicados, especialmente dos servizos sanitarios ou educativos.

Neste sentido, o director xeral fixo fincapé na importancia dos Espazos de Preservación Familiar que son un recurso público que pode pasar desapercibido pero que xoga un papel crucial no desenvolvemento de moitos nenos e adolescentes co fin de evitar situacións máis complexas.