Nova

Fabiola García destaca que o XI Campionato de Baristas Down demostra que o esforzo, o talento e a ilusión superan todas as barreiras

A conselleira de Política Social e Igualdade sinalou que a Xunta seguirá poñendo en marcha programas para mellorar a súa autonomía persoal e empregabilidade


Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asistiu esta mañá ao XI Campionato de Baristas Down que se celebra na Cidade da Cultura, un evento que demostra cada ano que o esforzo, o talento e a ilusión superan todas as barreiras e constrúen unha Galicia Calidade inclusiva, xusta e solidaria.

Na súa visita, a conselleira felicitou aos 16 participantes das entidades Down Compostela e Down Vigo, que nesta edición demostraron as súas habilidades facendo “maxia nunha cunca de café” e convertendo este evento  “nun referente a nivel autonómico”. Por iso, fixo fincapé na importancia de que a sociedade coñeza todo o que son capaces de facer “con horas de práctica, ganas de aprender e de demostrar todo o que saben”.

Fabiola García recalcou que os 16 participantes contan cunha formación específica que ademais de potenciar as súas habilidades, permítelles inserirse neste sector. Deste xeito, sinalou que a Xunta seguirá poñendo en marcha programas para potenciar a súa autonomía persoal, impulsar a súa empregabilidade e inserción laboral, a través dos centros autonómicos e das entidades sociais.